Andrea Pousa: "O bonito da profesión é empezar pouco a pouco e ir abrindo camiño"

 

Recentemente chegada de México, a artista tomiñesa actuará o sábado no Culturgal para interpretar as cancións do seu debut en solitario, un traballo que conxuga influencias do folk, a new age e a tradición popular galega, pero tamén do dramatismo do fado

 

Andrea Pousa, nunha imaxe promocional. CEDIDA
photo_camera Andrea Pousa, nunha imaxe promocional. CEDIDA

Desde pequena gústalle Dulce Pontes e despois fíxose fan de Céline Dion ("estar durante cinco anos co mesmo espectáculo nas Vegas é impresionante") e de Loreena McKennitt. Agora, despois de 15 anos de carreira e unha abondosa formación en canto e interpretación, a vocalista, actriz e produtora de música folk-celtic new age Andrea Pousa, nacida en Tomiño, vén de publicar o seu primeiro disco en solitario, Respirar (Queiman & Pousa). Trátase dun canto á natureza no que inclúe cancións en galego, castelán en portugués. Once delas son orixinais e a outra é unha versión da Negra sombra de Rosalía de Castro, titulada Cando penso que te fuches. O disco está producido polo compositor Nani García e ten detrás un ano de traballo. O primeiro videoclip , ‘Cartas ao lonxe, dirixido polo vigués Fabián Figueroa, pode verse en Youtube. Este sábado (21.00 horas) presentará o disco no Auditorio do Pazo da Cultura dentro da programación do Culturgal (entradas na web ataquilla.com).

Acaba de publicar o seu primeiro disco despois de 15 anos de carreira. Que significa este traballo?

Despois deste tempo era un traballo necesario na miña carreira. É outra etapa da miña vida. É o momento. Moitas veces me teñen preguntado se tiña algún disco en solitario.

Como definiría o seu estilo? A súa folla promocional fala de lirismo, tradición, vangada, popular...

Si, é como unha mestura de diferentes estilos. Como son raiana con Portugal si teño influencias do dramatismo do fado, da música tradicional galega, con algún toque de música pop, algo máis vangardista... Todo conflúe no meu propio estilo. Non teño unha etiqueta. Agora chámanlle world music.

Novidades
"Penso que somos un pouco remisos a coñecer outras músicas e artistas e deberiamos deixarnos levar"
 

Que supón este concerto en Culturgal? Pode ser clave para darse a coñecer entre o público?

Estar na programación do Culturgal, que é moi diversa, son palabras maiores. Estoulle moi agradecida á organización porque me escollera para presentar o disco. Non é fácil cando é algo novo. Penso que somos un pouco remisos a coñecer outras músicas ou artistas. Deberiamos deixarnos levar un pouco máis, sobre todo por propostas da terra. Pero tamén é o bonito da profesión, empezar pouco a pouco e ir abrindo camiño. Ás veces dígome que difícil é isto, pero así tamén sabes o que custa.

Canta en galego, castelán e portugués.

Eu quixen que o disco tivese eses tres idiomas, que son cos que me defendo no día a día. De feito, quixen que o título, á parte doutros valores, fora trilingüe. Respirar ten varios significados: un proceso fisiolóxico imprescindible,pero tamén no sentido de déixame respirar.

Vén de actuar en México. Isto supón un lanzamento internacional da súa carreira?

En México tiña a promoción pendente. Ía facela hai uns meses, pero cadrounos co terremoto e todo se paralizou. Volvín agora e estiven promocionando o disco en diferentes televisións a nivel nacional e no Centro Gallego. Tivo unha boa acollida. Dicíanme as presentadoras me encanta tu acento e eu, practicamente, estaba falando mexicano. Pégaseme o acento e cando vin os vídeos pensei parezo parva, cando chegue a Galicia vanme botar.

Trilingüe
"Quixen que o disco tivese cancións en galego, castelán e portugués, que son os idiomas cos que me defendo no día a día"
 

Esta viaxe enmárcase nalgunha xira?

Ten concertos previstos nas próximas datas? Aquí en Galicia si. Temos algunha data, como o 23 de decembro no Auditorio de Cangas. Logo vou estar, a partir de xaneiro, en Santiago, A Coruña, Ourense e Lugo. Despois... non sei o que me deparará o destino. De momento estarei por aquí.

"Pensaba na xente que estaba apagando os lumes e decidín adiar a presentación do disco"

Andrea Pousa atópase en plena promoción de Respirar. Precisamente atende ao teléfono de camiño á TVG, onde onte participou no programa A Revista. Tiña previsto presentar o seu disco en Vigo o pasado outubro, pero xusto a véspera se desatou a vaga de lumes e non dubidou en aprazar a data. "Eu acababa de chegar de México, do terremoto, e atópome cos incendios. Ese día meus pais invitáronme a comer en Tomiño. Pasei por Valadares, Vincios... e ao volver a Vigo foi horrible. Ía presentar o disco ao día seguinte, pero como ía facelo nesas condicións, nun ambiente irrespirable? Non tiña sentido, eu estaba fatal, e se non se podía respirar na casa, pensaba na xente que estaba apagando os lumes... E dixen: paro todo, dáme igual. Ata que todo se calme non ten sentido".

Deste xeito, adiou a presentación do disco unha semana "e convidei a voluntarios que estiveran apagando os incendios, a xente das Neves, de Vincios... Foi a miña pequena homenaxe a estes voluntarios".

Comentarios