'O que arde', dirixida por Oliver Laxe, gañou este domingo o premio Gaudí a mellor película europea na XII gala dos Premios Gaudí da Academia do Cine Catalán. A cinta protagonizada por Amador Arias e Benedicta Sánchez, e rodada nos Ancares, tamén recibiu o galardón á mellor fotografía —para Mauro Herce— e segue sumando así distincións.
A película de Laxe gañou nunha categoría na que tamén competían A favorita, de Yorgos Lanthimos; Lazzaro feliz, de Alice Rohrwacher, e Retrato dunha muller en chamas, de Céline Sciamma.
🇪🇺 L'estatueta a Millor pel·lícula europea se'n va cap a ben aprop: Galícia, amb el colpidor film "Lo que arde" dirigit per Oliver Laxes
— Premis Gaudí – Acadèmia del Cinema Català (@academiacinecat) January 19, 2020
▶️ https://t.co/lpB49fkFBV pic.twitter.com/gRrfKr5xFJ
O que arde tamén é candidata a galardóns en catro categorías dos premios Goya, nas de mellor película, dirección, actriz revelación e dirección de fotografía. Xa obtivera o premio do xurado da sección oficial Unha Certa Mirada do pasado Festival de Cannes —foi tamén a primeira presentada no certame en lingua galega—, e galardóns en Chicago, Mar de Prata ou Tesalónica. O que arde, a terceira longametraxe de Laxe, é xa a película en galego máis vista de sempre, tras superar a Sempre Xonxa.
A película conta a historia de Amador (Amador Arias), un home que regresa ao fogar familiar, nunha aldea das montañas galegas, tras cumprir condena por unha acusación de piromanía. De volta a casa, convive coa súa nai, Benedicta (Benedicta Sánchez), con quen mantén un vínculo férreo e silente.