'O que arde' supera a 'Sempre Xonxa' como película en galego máis vista

Na súa sexta semana nas salas acumula 62.203 espectadores
Oliver Laxe e os actores Amador Arias Mon e Benedicta Sánchez Vila posan en Cannes. JULIEN WARNAND (EFE)
photo_camera Oliver Laxe e os actores Amador Arias Mon e Benedicta Sánchez Vila posan en Cannes. JULIEN WARNAND (EFE)

O que arde acaba de coroarse como o filme en galego máis visto nas salas comerciais na súa sexta semana nas salas, con 62.203 espectadores, segundo os datos que achega o Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais (Icaa). A cinta de Oliver Laxe superou a marca que ostentaba Sempre Xonxa. Este ano celébranse os 30 anos da histórica cinta de Chano Piñeiro.

As boas cifras sitúan a cinta entre as 25 producidas en España máis vistas no que levamos de 2019.

MAR DE PRATA. Paralelamente ao seu éxito popular, O que arde segue recibindo recoñecementos nos certames internacionais. A cinta foi premiada no Festival de Internacional de Cine de Mar de Prata, en Arxentina, co Astor de Ouro e o Astor de Prata ao mellor guion, así como os premios ACCA -que concede a Asociación de Cronistas Cinematográficos de Arxentina- e Signis.

A prensa especializada do país destacou que a elección da película galega resultou "case unha profecía autocumplida". O diario Nodal indicaba que proxectado durante a primeira xornada competitiva do festival, o traballo de Laxe "exhibiu unha potencia cinematográfica tan contundente que o impacto que provocou no público -e evidentemente tamén nos xurados- alcanzou para soster o seu favoritismo ata o último día, por encima do resto das seleccionadas".

"Trátase sen dúbidas da mellor película vista no único festival Clase A de Latinoamérica" concluían.

Pola súa banda, Longa noite do meirego Eloy Enciso logrou unha mención especial no apartado Estados alterados do mesmo certame.

Comentarios