viernes. 15.10.2021 |
El tiempo
viernes. 15.10.2021
El tiempo

Os billetes de Pestana voan a París

Villa Miseria, en Perú. BALDOMERO PESTANA
Villa Miseria, en Perú. BALDOMERO PESTANA

O talento ignorado do fotógrafo de Castroverde Baldomero Pestana continúa fascinando. O Instituto Cervantes e a Xunta promoverán unha exposición, que comezará a verse en Madrid, seguirá na Cidade da Cultura e chegará a París. A mostra servirá para descubrir tamén unha nova faceta do artista: deseñador de billetes.

SEMELLA QUE a vida discreta de Baldomero Pestana (Castroverde, 1918-2015) estivese marcada polo nome do seu lugar de nacemento: Pozos. A pesar de que tivo diante da súa cámara a todo canto escritor ou músico importante estivo en Suramérica nos anos 50 e 60, o seu recoñecemento internacional está aínda nos seus comezos. A exposición que promove o Instituto Cervantes e a Consellería de Cultura, que cadra co seu centenario, vai solventar notablemente esa débeda co castroverdés.

Unha mostra contribuirá a despexar esa néboa que o ocultou na vida e, agora, na morte. Baldomero Pestana. A verdade entre mans vaise estrear o día 15 de febreiro no Instituto Cervantes de Madrid para volver ser aberta o día 27 de abril na Cidade da Cultura. En novembro será a mostra destacada do outono no Instituto Cervantes de París. As seguintes datas aínda non foron feitas públicas, pero ocuparán máis centros Cervantes polo mundo en 2019.

A exposición está integrada por 160 fotografías, entre as que figuran 24 retratos. Pestana emigrara de neno con familiares seus a Arxentina. Na mocidade coñeceu a fotografía ao tempo que o seu talento para producila.

Aínda que tivo diante da súa Hasselblad todo o Boom Suramericano de escritores, a imaxe de Dizzy Gillespie será histórica nesta montaxe. O pioneiro do bebop —que transformou o jazz para sempre— pousou para un novísimo estudante de imaxe en 1950 mentres se relaxaba despois dun concerto en Bos Aires.

A exposición está integrada por 160 fotografías, entre as que hai retratos de autores como Bryce Echenique ou Severo Sarduy

En 1957 marchou coa muller, Velia, e a Hasselblad —para usar na rúa— e a Linhof —para o estudo— a Lima en busca de novos personaxes. Borges vivía en Bos Aires, pero un día atopouno na capital peruana. O autor arxentino non se decatara da súa presenza e preferiu ser discreto. Habería máis oportunidades porque tiña amigos que poderían levalo novamente ante el. A ocasión chegou, pero desbotouna porque "Borges veía manchas. Ojalá que sus ojos mirasen al infinito, pero no se puede decir tan siquiera eso. Estaban muertos. A un hombre hay que sacarle la vida interior, si no, no hay retrato".

Na mostra non estará o contista platense, pero si autores "con alma" como García Márquez, Vargas Llosa, Pablo Neruda ou Severo Sarduy. Todos eles asináronlle os retratos para plasmar a súa admiración por Baldomero Pestana.

O homenaxeado era un lector insistente, polo que tamén ten libros asinados por Julio Ramón Ribeyro, Bryce Echenique ou o propio Severo Sarduy. Estas obras acompañarán ás imaxes nos estantes, que dirixirán un percorrido cronolóxico pola biografía artística de Baldomero Pestana, consistente na busca da "fotografía perfecta".

A insistencia da familia fixo que os comisarios —o escritor especializado en fotógrafos españois Juan Bonilla e a galerista compostelá Chus Villar— admitisen o derradeiro retrato dun escritor que fixo, correspondente ao chairego Darío Xohán Cabana. Tamén estará a casa de Bascuas (Castroverde), onde atravesou o seu derradeiro tramo de vida. Alí atendeu máis ao esforzo manual para debuxar en vista de que nunca chegaría máis que a rozar —o que el consideraba— unha fotografía "perfecta".

A exposición non descoñecerá o traballo social que fixo en barriadas de Bos Aires e Lima, con visitas a persoas privadas do necesario e que vivían en lugares de toponimia tan significativa como Villa Miseria, na capital peruana.

Madrid, Compostela e Santiago tamén poderán coñecer cinco das súas cámaras coas que quitou as fotografías expostas; entre elas, a Hasselblad que disparou dun xeito silencioso diante dun Jorge Luis Borges, cando este xa non era quen de discernir as rúas de Lima máis alá dunhas sombras sen contorna.

Todos estes elementos irán contextualizados nun catálogo de 300 imaxes que leva un prólogo no que Bonilla e Villar asinan a medias. O texto presenta o fotógrafo contextulizándoo tanto na Suramérica que daba leccións culturais a todo o mundo como no París no que tratou o brillante Man Ray.

BILLETES. Como acontece sempre con Baldomero Pestana, non deixan de producirse sorpresas a medida que se esvaece a néboa que o cubriu. As exposicións do Cervantes de Madrid e París, e da Cidade da Cultura de Santiago contarán tamén con billetes cos que se pagaron en países que van de África e América tras ser deseñados polo artista de Castroverde.

A primeira das divisas nos remite a fins do agosto pasado, cando o activista Kémi Séba queimou en público un billete de 5.000 francos CFA, que é a moeda oficial de Senegal e outros catorce países africanos dende que foi creada por Francia en 1945. Ao remate da Segunda Guerra Mundial, Francia creou o franco das Colonias Francesas de África (franco CFA), como xeito de someter os orzamentos deses países ás decisións do Banco Central de Francia.

París encargoulle a Baldomero Pestana debuxos para eses billetes a finais dos anos 60. Aínda se manexan habitualmente, pero hai unha parte da sociedade que os percibe negativamente como o último símbolo do colonialismo. Para o seu autor foi unha encarga que lle permitiu vivir un tempo, sen que lle atopase outra implicación.

A incursión do fotógrafo nos billetes de Perú foi aínda máis aleatoria. Baldomero Pestana era amigo do líder do Apri Víctor Haya de la Torre. O peso histórico deste político levou o presidente Alan García a reproducir un retrato seu feito polo fotógrafo galego no billete de 50.000 intis cando o lanzou no ano 1986. Pese ao protagonismo, Baldomero Pestana levou unha vida retirada dos cartos.

Os billetes de Pestana voan a París
Comentarios