A cultura galega rompe a ferver en Pontevedra

Milleiros de persoas visitan a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, durante a celebración da súa segunda xornada, na que o Salón o Libro Infantil e Xuvenil ou a exposición do Pergamiño Vindel cobran protagonismo

 

Andrea Pousa presenta o disco 'Respirar' no Pazo da Cultura. DAVID FREIRE
photo_camera Andrea Pousa presenta o disco 'Respirar' no Pazo da Cultura. DAVID FREIRE

Culturgal non dá respiro. Na xornada central da X Feira das Industrias Culturais de Galicia a actividade vólveuse frenética tanto na programación oficial, con máis de medio cento de propostas, como na que organizan os diferentes expositores pola súa conta.

Especialmente activas se mostraron tres das administracións que patrocinan o Culturgal. O Concello de Pontevedra aproveitou para presentar a vindeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que o ano que vén se desenvolverá baixo o lema "Mulleres de conto". Ana Villegas, a ilustradora gañadora do certame internacional de ilustración convocado polo evento, recibiu o seu cheque e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, apostou pola internacionalización da actividade ao tempo que prometeu unha programación ambiciosa.

Na presentación tamén participou o deputado de Cultura, Xosé Leal, porque o ente provincial foi o encargado precisamente de destribuír o almanaque do Salón, que recolle as 11 ilustracións finalistas do certame que convoca o evento, ademais da gañadora.

A Deputación foi o segundo organismo que se mostrou especialmente activo onte no Culturgal, con actividades ao longo de toda a xornada. O terceiro foi a Xunta de Galicia que, entre outras cousas, celebrou, á tarde, un coloquio sobre a importancia do Pergamiño Vindel, que actualmente se expón no Museo do Mar nunha mostra que centra boa parte das propostas da Consellería de Cultura no Culturgal.

Cineastas como Ignacio Vilar; escritores como Santiago Lopo, Manuel Rivas, Teresa Moure, Ledicia Costas e Pedro Feijoo; debuxantes como Luís Davila e Anxo Fariña, e cantantes como Sés ou Rosa Cedrón foron algúns dos participantes nas actividades que tiveron lugar onte no Recinto Feiral. Hoxe a feira celebra a súa xornada de clausura.

Comentarios