El tiempo
lunes. 15.08.2022
El tiempo

'Elisa e Marcela' triunfa nos Premios María Casares

Os premiados nos XXII Premios María Casares. CABALAR (EFE)
Os premiados nos XXII Premios María Casares. CABALAR (EFE)

A obra de Panadaría levou o premio a mellor espectáculo e mellor dirección na gala celebrada este mércores na Coruña

A obra Elisa e Marcela, da Panadaría levouse o premio ao mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde) na gala dos XXII Premios María Casares de teatro celebrada este mércores na Coruña.

Ademais desta obra, A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, recolleu 4 premios María Casares; ao mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor adaptación/tradución (Quico Cadaval) e mellor vestiario (Suso Montero).

Resaca, de ilMaquinario Teatro alzouse co galardón á mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Piñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro, Coti).

Outono, de Pista Catro recibiu o premio á mellor maquillaxe (Trini F. Silva) e A Galiña azul de Tanxarina levouse o premio ao mellor espectáculo infantil.

A gala dos XXII Premios María Casares celebrouse no teatro Rosalía de Castro conmemorando, ademais, o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia.

Durante o transcurso desta gala tamén se entregou o premio de honra Marisa Soto á veterana actriz galega Rosa Álvarez.

No seu discurso, Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia(AAAG) realizou unha defensa tanto da igualdade como da liberdade de expresión. Rodríguez destacou que para celebrar "corenta anos de teatro profesional en Galicia" é necesario lembrar que nos tempos das primeiras compañías profesionais, as mulleres xa estaban alí "por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneiros, impulsores precursores, fundadores".

Ademais, Nieves Rodríguez subliñou que as mulleres "estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, evidentemente, estaremos mañá".

Un total de 32 espectáculos e máis de 300 profesionais optaban esta noite aos premios.

Os poetas Aldaolado (MaríaLado e Lucía Aldao) foron as encargadas de ler o manifesto galego do Día Mundial do Teatro no que eloxiaron "a actitude e valentía das teatreiras valentes que levantan a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza". 

'Elisa e Marcela' triunfa nos Premios María Casares
Comentarios