Estudantes de xornalismo gardan un minuto de silencio por Pablo López Orosa en Santiago

A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu a homenaxe, proposto pola Asemblea Aberta
Un momento da concentración pola morte de Pablo López Orosa, na Facultade de Ciencias da Información, en Santiago de Compostela. XOÁN REY. (Efe)
photo_camera Un momento da concentración pola morte de Pablo López Orosa, na Facultade de Ciencias da Información, en Santiago de Compostela. XOÁN REY. (Efe)

Estudantes e profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) renderon homenaxe a Pablo López Orosa, xornalista de 34 anos natural de Oza dos Ríos (A Coruña) falecido o pasado venres, cun minuto de silencio.

En concreto, foi a Asemblea Aberta desta facultade a que propuxo realizar o acto ao Decanato, quen finalmente o fixou para este luns ás 12.00 horas.

O minuto de silencio foi precedido por unhas palabras de Lois Alcayde, compañeiro de profesión do freelance ao que coñeceu a través da revista Luzes, coas que destacou que era un home que "reivindicou o dereito a ser xornalista en moitos lugares".

Pablo López Orosa, natural de Oza dos Ríos, formaba parte do comité de redacción da revista Luzes. Traballou para Onda Cero e Agencia EFE, ademais de cubrir información internacional como freelance, colaborando para medios como El País. Foi tamén o fundador da revista Achtung! e o ano pasado publicou o libro Fálame do silencio (Xerais).

Á parte dos estudantes e profesores da USC, numerosos xornalistas mostraron as súas condolencias a través das redes sociais. Desde a revista Luzes publicaron un texto no que o recordan como un profesional "xeneroso, comprometido e cheo de alegría".

Comentarios