El tiempo
martes. 09.08.2022
El tiempo

O Festigal 2018 anuncia o rapeiro Valtonyc para reivindicar a liberdade de expresión

José Miguel Arenas Beltrán, Valtonyc
José Miguel Arenas Beltrán, Valtonyc

O artista agradece a invitación pero non sabe se poderá actuar porque  "seguramente" xa estará en prisión

O rapeiro Valtonyc participará na programación do Festigal 2018 para reivindicar a liberdade de expresión e "contra a involución democrática provocada pola lei mordaza e a represión contra o activismo social, político e sindical e o independentismo catalán".  A organización deste festival, que celebra os seus concertos o día 24 de xullo, na véspera do Día de Galicia, anunciou este nome para o seu cartel a través dun comunicado de prensa. 

De forma paralela, a través das redes sociais, colgou un vídeo gravado polo propio Valtonyc no que este agradece a invitación aínda que recoñece que "a día de hoxe" non sabe "se poderá ser" porque "seguramente" xa estará en prisión. "Se non puidese ser, mándovos todas as miñas forzas na loita", sinala no vídeo o rapeiro Josep Miquel Arenas, coñecido como Valtonyc, cuxa defensa anunciou nos pasados días que presentará alegacións para pedir a suspensión da pena de tres anos de cárcere á que foi condenado por delitos de enaltecemento do terrorismo, calumnias e inxurias graves á Coroa, e ameazas polo contido dalgunhas das súas cancións publicadas en Internet. 

O balear ten 14 discos publicados con letras de ideoloxía anticapitalista, republicana e antifascista. O Festigal destaca que deste xeito se suma á trintena de festivais, entidades e salas que expresaron "o rexeitamento a esta vulneración do dereito á liberdade de expresión" e que acordaron incluír nas súas programacións concertos de Valtonyc, "como maneira de solidariedade, ante a involución democrática do Estado español". 
 

O Festigal 2018 anuncia o rapeiro Valtonyc para reivindicar a...