O Festival Galicreques celebra o seu 25º aniversario con máis de 40 funcións

Haberá 20 compañías e unha programación escolar gratuíta en liña ► Celébrase entre o 10 e o 18 de outubro
Dende a esquerda, Jacobo Sutil (director da Agadic), Mercedes Rosón (concelleira de Acción Cultural de Santiago), Xurxo Couto (deputado de Cultura da Deputación da Coruña) e Jorge Rey (director do Festival Galicreques)
photo_camera Jacobo Sutil, Mercedes Rosón, Xurxo Couto e Jorge Rey. EP

O Festival Internacional Galicreques celebrará neste 2020 o seu vixésimo quinto aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias, pero cun marcado compromiso tanto co público coma co sector cultural. Así, o encontro organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem), ofrecerá ao longo de nove intensas xornadas máis de 40 funcións. O programa contará con máis de vinte compañías, procedentes maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón.

Ademais, o carácter internacional estará garantido pola participación de compañías e artistas procedentes de Brasil, México, Portugal ou Arxentina.  Así o explicaron este lunes en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, Jorge Rey. 

O XXV Festival Internacional Galicreques celebrarase entre o 10 e o 18 de outubro

A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidos en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13.00 h. da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14.00 h., a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpiabotas. Nese mesmo espazo, ás 17.00 h., a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu  Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13.00 h. pola xa tradicional Carpa da Alameda. Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18.00 actuará de novo Moving Compass.

Así comezará un festival que, durante nove días, encherá de monicreques –ademais dos espazos xa sinalados– o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño. Nove días en que varios espectáculos contarán con diversos pases ao longo do festival nos distintos espazos para garantir a descentralización e a dispersión do público, adaptándose así ao contexto sanitario e cumprindo con todos os protocolos de seguridade. 

CATRO ESTREAS. O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o Festival. Deste xeito, a primeira obra nova que poderá coñecer o público será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño  e Bernardo Martínez.  A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20.00 h. O día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus. O sábado poderemos ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, obra coproducida por Galicreques. Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20.00 h. a peza Gaia Baba. 

PROGRAMACIÓN ESCOLAR. Neste 2020, un dos piares fundamentais do Festival Galicreques ficará en suspenso nesta edición por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a programación de funcións escolares. Cada ano, milleiros de alumnos e alumnas acudían ás múltiples representacións que se ofrecían para escolas e institutos. Deste xeito, cumpríanse dous obxectivos fundamentais de Galicreques: o seu compromiso coa infancia e a creación de novos públicos.

Neste 25 aniversario, o festival non renunciará a estas metas e quere manter o vínculo coa ampla comunidade educativa, polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíta. Cada día da semana lectiva, é dicir do 12 ao 16 de outubro, ás 12.00 horas, ofrecerase por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a [email protected] e [email protected]

Comentarios