O FIV de Vilalba 2019 esgota as súas entradas 

A organización do festival sacou a pasada semana á venda unha cota de 200 entradas de día tras vender todos os abonos a principios de marzo

Público nunha edición pasada do FIV. EP
photo_camera Público nunha edición pasada do FIV. EP

O festival FIV de Vilalba 2019, que se celebrará os días 26 e 27 de abril e no que participarán grupos como Los Planetas, Miss Cafeina, Depedro ou Marem Ladson, esgotou as súas entradas por cuarto ano consecutivo. 

Nun comunicado, a organización explicou que, cos abonos esgotados desde principios do mes de marzo, a pasada semana sacou á venda unha cota de 200 entradas de día, tamén esgotadas desde este mesmo martes. 

La M.O.D.A., Miss Cafeina, Depedro, Marem Ladson e Sidonie Djs subiranse ao Escenario Mahou do festival vilalbés o venres 26, mentres que, o sábado 27, chegaralles a súa quenda a Los Planetas, Iván Ferreiro, Dorian, Siloé e Cheese and Bacon Djs. 

Pola súa banda, La Sonrisa de Julia e a Banda de Música de Vilalba serán as encargadas de amenizar a sesión vermú do mediodía do sábado no Escenario Auditorio. 

O FIV de Vilalba 2019 contará, ademais, cun completo programa de actividades paralelas, coas proxeccións das películas 20.000 días en la tierra, un filme sobre o músico e icona cultural Nick Cave, así como Oasis: Supersonic. Ademais, organizará dúas charlas sobre industria cultural e unha exposición fotográfica sobre a Banda de Música de Vilalba. 

Comentarios