Insua: "Díaz Castro foi reaccionario e integrista ata que regresou a Guitiriz"

O investigador denuncia que "a imaxe que se construíu" para as Letras Galegas dista da real

 

Xosé Díaz Castro. AEP
photo_camera Xosé Díaz Castro. AEP

"As palabras de Díaz Castro formaron un exército pacífico e incruento", escoitouse no acto oficial do Día das Letras Galegas de 2004, que se dedicaran ao poeta chairego. A bonhomía, o galeguismo irrenunciable, a vontade conciliadora e un sopro de aire progresista forman o contido de todo autor homenaxeado a mediados de maio.

Nese modelo meteuse a Díaz Castro, cando parece que "a imaxe que se construíu" do escritor nesa xornada non casa coa realidade dun escritor que "foi reaccionario e integrista ata que regresou a Guitiriz", segundo documenta o profesor e investigador Emilio Insua en Díaz Castro. Poeta en formación (1914-1939), un ensaio que lle publica Laiovento e que presenta este xoves en Santiago.

O ideario do poeta "xa fora suxerido por Blanco Torrado, o que fixen foi documentalo", apunta Insua. O experto explica que Díaz Castro nace na casa "dun militante do agrarismo católico de ideoloxía monárquica que identificaba patria, relixión, familia e propiedade" e el aprende a ler en xornais "conservadores".

"Supedita o padecemento da guerra ao sacrificio de loitar contra os destrutores da patria e a relixión"

Sobre esa base de pensamento sobreponse a achega que recibe no seminario de Mondoñedo, onde comeza a estudar en 1929 "con profesores que proceden do carlismo de fins do século XIX ou do agrarismo católico, de Acción Católica ou da Falanxe nalgún caso".

Emilio Ínsua explica o sometemento de Díaz Castro a ese ideario férreo e denso como unha actitude que comparte cos seus compañeiros de estudos. "Estiven rastrexando outros alumnos, aos que el cita nun poemario e todos se moven nas mesmas coordenadas de apoio aos sublevados, da praxe pastoral da posguerra, de Franco como caudillo salvador".

A argamasa teórica, que solidificara no pensamento político do poeta mozo, lánzao como voluntario nas tropas franquistas formadas en Galicia que entran en Asturias para combatir coas armas "o materialismo científico e o republicanismo laicista" que descolgara os crucifixos das escolas e impuxera a necesidade de pedir permiso para procesionar.

'EN COMBATE'. As palabras "pacíficas e incruentas" que se exaltaron nos fastos das Letras quedan enmendadas por poemas como En combate, que o poeta escribiu cando estaba fronte a fronte cos soldados republicanos. Ínsua pon de relevo esa peza, na que Díaz Castro "lamenta que está lonxe da familia e bota en falla a aldea na que naceu". Eses padecementos quedan supeditados pola "afirmación da virtude do sacrificio que fai para loitar contra os destrutores da patria e a relixión".

"Ao volver a Guitiriz a principios dos anos 80 séntese recoñecido a través de poemas como 'Penélope'"

O escritor vive a fin da Guerra Civil como enfermeiro en Pontevedra, marcha a Madrid para traballar como tradutor e casa cunha vasca. "O traballo e a procedencia da muller tivérono afastado de Galicia", apunta o investigador, quen apunta que "Fernández Ferreiro di que só aparecía de cando en cando" polas xuntanzas que grupos galeguistas, como Brais Pinto, manteñen en Madrid.

Na súa opinión, a rixidez do pensamento de Díaz Castro non cede integramente ata que regresa a Guitiriz a principios dos 80. Na localidade chairega reencontra o seu idioma e descubre un galeguismo cristián que lle serve de apoio para desprenderse das ideas vellas. Ese galeguismo está próximo "a Galaxia, onde el publicara Nimbos". A maiores, sabe da delimitación "simbólica" da Terra Chá que fixera Manuel María.

A convicción definitiva prodúcese porque "se sente recoñecido a través de poemas como Penélope, onde escribe: "Penélope, un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus sonos non se move".

Nese tempo, coñece a iguais seus, como os poetas chairegos Manuel María ou Darío Xohán Cabana ou a crentes galeguistas como Xosé Chao Rego e Alfonso Blanco Torrado. Esas amizades confiren firmeza á viraxe do seu pensamento.

'SECUESTRADA'. Esa derradeira parte da súa biografía foi extendida ao conxunto da súa vida para as Letras Galegas. "Por desgraza esa celebración está "secuestrada" pola oficialidade, que borra todo o conflitivo ou problemático" do homenaxeado. Ese costume provoca "unha idea de que todos os autores teñen a mesma ideoloxía e as mesmas razóns para escribir".

A consecuencia é que "esa imaxe se volve contra as Letras,é laminadora" porque non trascende "a diversidade de ideoloxías".

Comentarios