sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Matilde Felpeto gaña o Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 

O xurado da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro reuniuse este martes. CONCELLO DE LALÍN
O xurado da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro reuniuse este martes. CONCELLO DE LALÍN

'Cociña Galega Tradicional' recolle as principais receitas da comunidade ► O segundo premio recaeu na longametraxe 'O Equilibrio dos opostos' de Alberto Baamonde Bello e en 'Algo pasa coas algas' do alumnado da USC na categoría académica

 

Matilde Felpeto Lagoa gaña a XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro coa súa obra Cociña Galega Tradicional - Receitas, Tradición, Historia e Evolución.

Foi o traballo mellor valorado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano.

Nesta edición o xurado estivo composto por representantes do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que estaban os decanos das facultades de comunicación de Galicia: Xosé Ramón Pousa (Santiago), Luís Hernández (A Coruña) e Xosé Baamonde (Pontevedra). Tamén formaron parte do tribunal, o vicedecano do Colexio de Xornalistas de Galicia e director da revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro, e a xornalista e escritora Rosa Aneiros.

Analiza a presenza das receitas nas obras dos escritores gastronómicos galegos

Cociña galega Tradicional, publicado por Edicións Xerais, recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. Ademais analiza a presenza das receitas nas obras dos escritores gastronómicos galegos, testemuñas fundamentais para coñecer a historia da nosa cociña, así como a opinión de ilustres gourmets sobre os pratos máis representativos da nosa cociña.

O segundo premio recaeu na longametraxe documental O Equilibrio dos opostos, dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame coa película Cociñando na fin do mundo. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017.

Baamonde Bello relata como o cociñeiro do Grove Javier Olleros ten que pechar o seu restaurante Culler de Pau, posuidor dunha estrela Michelin

O equilibrio dos opostos narra como, en novembro de 2014, o cociñeiro do Grove Javier Olleros ten que pechar o seu prestixioso restaurante Culler de Pau, posuidor dunha estrela Michelin.

En canto á categoría académica o xurado recoñeceu o proxecto Algo pasa coas algas, presentado por Lucía Crujeiras Losada, Gabriel Fuentes Míguez e Alejandro Gesto Louro, estudantes do terceiro curso do Grao de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. Trata a historia e as características das algas nas costas galegas e a súa relación coa gastronomía e a industria.

Os galardoados recollerán os premios, dotados con 3.000 e 1.000 euros respectivamente, no Luar especial do Cocido, que se emitirá en directo pola Televisión de Galicia o venres, 2 de febreiro.

A Gañadora
Matilde Felpeto Lagoa é licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. É unha estudosa da gastronomía popular galega e autora de libros como Recetas de la cocina familiar gallega, Cocinar con albariño, Recetas de repostería tradicional de la cocina gallega y portuguesa ou 40 menús para 40 banquetes,

Matilde Felpeto gaña o Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro...
Comentarios