A xeración Z fala menos galego que a do milenio pero ten menos prexuízos negativos cara a este idioma, segundo sinala a Real Academia Galega (RAG) cuxo Seminario de Sociolingística elabora un proxecto sobre o uso do idioma na mocidade.
O Seminario de Sociolingística da Real Academia Galega avanzou, segundo informa a institución, os resultados deste estudo nunha xornada en Barcelona.
Neste traballo, abórdase como "o galego perde presenza como referente lingüístico familiar e na comunicación diaria das persoas nadas entre 1989 e 1999, pero rexístrase tamén entre elas un cambio na percepción social da lingua".
"Aínda que segue habendo fortes prexuízos contra os trazos fonéticos e prosódicos propios do galego, comézase a asociar a lingua galega as valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-status social", explica.
PERCEPCIÓN SOCIAL. Estas valoracións máis positivas da lingua galega danse especialmente cando se acompaña dunha fonética e prosodia castelás, mentres que as percepcións sociais máis negativas asócianse á expresión en castelán con fonética galega, detalla Xaquín Loredo, membro do Seminario de Sociolingística da Real Academia Galega.
O especialista participou este xoves nunhas xornadas do Instituto de Estudos Cataláns co relatorio Xeración Z e lingua: a importancia dos post-milenistas na sociolingística galega. Nela, expuxo un avance das análises nos que traballa a Academia co apoio da Deputación de Pontevedra.