Preto de 80 bandas de música percorrerán Galicia en xullo e setembro

O programa nace co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade musical con case cen concertos
Presentación de 'O país das bandas'. EUROPA PRESS
photo_camera Presentación de 'O país das bandas'. EUROPA PRESS

O programa O país das bandas está formado por un calendario de preto de 100 concertos a cargo de 77 agrupacións, que actuarán por toda Galicia entre os meses de xullo e setembro.

Está promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares. A iniciativa foi presentada este sábado na Cidade da Cultura nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez

Ademais, tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Iván Estévez, nun acto no que se contou coa actuación da Banda Artística de Merza. 

O concerto que a Unión Musical de Valladares ofrecerá o 1 de xullo, ás 20,30 horas no Museo do Mar de Vigo será a primeira das 94 citas previstas inicialmente en O país das bandas, que se estenderá por uns 80 municipios galegos coa participación de máis de 3.600 músicos

O conselleiro de Cultura asegurou que este "ambicioso" programa requiriu dun "gran esforzo organizativo" que permita garantir a seguridade dos músicos e dos espectadores.

Neste sentido, habilitouse un protocolo anticovid especial para facilitar o regreso aos ensaios de cada banda, con medidas que se estenderán aos propios concertos, co obxectivo de avanzar "na recuperación da confianza por parte do público".

PLAN DE REACTIVACIÓN CULTURAL DA XUNTA. Este programa trátase dunha das iniciativas incluídas Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta, que este verán impulsará máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos nove millóns de euros.

Neste sentido, o titular de Cultura resaltou a "firme" aposta da Xunta por iniciativas que permitan a "progresiva reactivación cultural, especialmente naqueles ámbitos máis prexudicados pola pandemia".

Este é o caso das bandas de música populares, que o conselleiro definiu como "as grandes depositarias da tradición musical galega, protectoras e gardiáns do noso legado inmaterial".

Co calendario de actuacións previsto, materialízase o convenio asinado o pasado mes de maio pola Consellería de Cultura, Educación E Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta "cuadriplica" a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 euros.

Nesta liña, O país das bandas ofrece unha plataforma desde a que "aumentar a visibilidade social" e "reivindicar tanto a súa calidade musical como o seu labor de divulgación entre o gran público". 

Comentarios