sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Ramón Villares: "Castelao nunca se manifestou a favor de romper con España"

Ramón Villares, esta semana en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ramón Villares, esta semana en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O presidente do Consello da Cultura Galega, indaga sobre o proceso de creación e bloqueo da identidade galega e a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural no seu último libro, 'Identidade e afectos patrios'

 

Ramón villares (Xermade, 1951), vén de publicar o libro de ensaio Identidade e afectos patrios, que presentará en Lugo próximamente, segundo adiantou nunha visita fugaz a Lugo esta pasada semana. No Café del Centro, entre cheiro a chocolate con churros e outras delicias da tarde —chovía fóra— este home afable debullou os contidos da obra e outros sobre Galicia, a cultura, a política e o idioma.

Como nace este libro?
Este libro nace un pouco pola preocupación de contar dun modo ameno unha parte moi importante da historia de Galicia, que é aquela que ten que ver coa propia formación da súa identidade. Non unha identidade única e excluínte. É unha reflexión sobre identidades, símbolos, sobre invencións. No fondo é un modo non tanto de contar feitos históricos como a construción social deses feitos: como percibimos a bandeira, ou como percibimos o mito de Santiago, ou o Himno. Como se constrúe esa propia identidade. Non é unha historia de batallas, de reis, senón máis ben da percepción social. Nos últimos corenta anos houbo unha viraxe na historiografía mundial respecto a esta idea. É preciso contar, precisamente, iso que algún chamou a "comunidade imaxinada". É dicir, como nós, que somos membros dunha mesma comunidade, que non nos coñecemos todos, que é imposible, en cambio nos podemos sentir próximos a través de símbolos ou de emocións, ou de sentimentos. Que nos fai ser galegos, ou españois, ou franceses? Pois hai un himno. É un libro sobre a nosa condición de galegos, sobre aquilo que nos asemella máis e tamén sobre o que nos diferencia. Outra idea que está no libro é que a nosa identidade non é algo que nos vén dado, é algo que hai que construír. As nacións son feitos obxectivos ou son vontades? Hoxe non estaríamos dispostos a dicir que son feitos obxectivos. Ben é certo que as vontades teñen que estar sostidas por feitos obxectivos. Pero eu trato de destacar para o caso galego que debemos evitar as voces ancestrais. Non hai nada que nos diga como temos que ser. Que si foron así xa no século XIX. Iso non nos pode atar.

Ten dito que a identidade é algo imposible?
Si. A identidade única é imposible. O que temos son identidades de xénero, culturais, identidades políticas. O que se se dicía antes que un era só español, francés... iso hoxe é bastante imposible de soster.

No mundo global?
Si. Antes unhas fronteiras, unha lingua nos definían dunha maneira bastante excluínte. Agora, por fortuna...

Coas novas tecnoloxías.
Si, só temos que ser máis comprensivos. Non é que perdamos a nosa propia identidade, senón que temos que compartir con outra xente. Entón identidade exclusiva é imposible.

É evidente que Cataluña non é unha comunidade autónoma do montón, é unha nacionalidade

Xa que estamos falando de identidade, que lle parece o que está a suceder en Cataluña?
A min paréceme que está mal xestionado, pero tamén mal explicado. A cuestión catalá non é que aparecera agora, xa apareceu no século XIX, na República, no exilio e tamén na Transición. O que acontece agora é que houbo como unha especie de desvío dese encaixe de Cataluña dentro de España. E eu creo que a reacción de España, máis do Goberno español que de España, tamén foi un pouco excesiva, inadecuada. Aí hai un problema político e hai que afrontalo políticamente. E hai que tentar solucionalo politicamente. Polo menos tentar. Porque tentar é unha cousa e solucionar, outra. Pero é evidente que Cataluña non é unha comunidade autónoma do montón, é unha nacionalidade. Incluso na Constitución é unha nacionalidade. Creo que aquí se xuntou a fame coa gana de comer, e esa é sempre mala conselleira.

Pensa que en Galicia podería haber unha mobilización política de carácter independentista?
No que levo estudado da política galega, non. Incluso a tradición máis solida, más radical, como podía ser Castelao, pois manifestouse de forma sistemática a favor de non separarse de España, senón a favor de construír España dunha forma distinta, que é sustancialmente diferente. El podía imaxinar unha España republicana, federal, ou mesmo ibérica, pero non unha Galiza separada dese proxecto. Incluso tomouse a molestia de pensar un proxecto conxunto para España, o Galeuzka, nos anos corenta. O feito de que non saíse adiante non quere dicir que fose disparatado. Eu creo que en Galicia —e dígoo moitas veces no libro— hai unha fortístima identidade cultural, pero unha débil conciencia política, o que nos separa bastante do caso de Cataluña, onde a vontade política está por riba de todo. De feito, apélase máis á historia no caso de Cataluña. No caso de Galicia, apélase máis á raza, aos celtas, a identidade étnica. Por tanto, de aquí ao futuro non sei o que pasará. Pode haber mobilizacións... Pero para que haxa todo iso ten que haber un grupo social poderoso que poida levar a cabo ese proxecto. Hasta o momento iso non foi posible. Eu non o vexo por ningún lado.

Mundo lusófono: Galicia e mesmo España deben mudar a súa relación con estes países, ter unha relación menos de costas viradas

O Consello da Cultura Galega acaba de ser elixido membro observador consultivo na comunidade dos países en lingua portuguesa. A da lusofonía será unha vía que se explore nos vindeiros anos? O reintegracionismo, mesmo?
Son dúas cousas distintas. Nós, dende hai tempo, estamos interesados en promover as relacións cos países en lingua portuguesa, especialmente Portugal e Brasil, facer proxectos comúns, ciclos de conferencias, exposicións, participación institucional en Portugal, por exemplo, convenios con centros de ensino... Este é un punto. Logo hai outro punto que é o recoñecemento por parte da comunidade de países en lingua portuguesa do Consello da Cultura Galega (CCG) como observador consultivo, que foi un proxecto moi demorado no tempo, que levou algúns tropezos polo medio, que finalmente foi acordado a finais 2016. Todo iso reforza a nosa presenza no ámbito da cultura portuguesa. Agora participaremos nas comisións temáticas desta comunidade, dentro das posibilidades que nos ofrezan. Agora, nós non estamos só para mirar. Estamos porque eu, persoalmente, estou convencido de que Galicia, incluso España, debe mudar a súa relación co mundo en lingua portuguesa. Establecer unha relación máis normal, menos de costas viradas, como tradicionalmente ten habido. Isto tamén pasa por repensar o asunto da lingua. Isto tamén ten que ver con que se lle dea a razón á variante A ou a variante B ortográfica. Eu aí non entro, porque francamente non me importa moito. Non me importa moito porque creo que é unha mala discusión. A discusión é realmente que podemos facer xuntos, non quen gaña. Nese sentido, enzarzarse en cuestións ortográficas é como resolver os problemas políticos por vía xudicial. Pode haber razóns, pero eu non concordo con elas. A lingua galega, que é popular, rural, conservada de forma cuasi milagrosa, a primeira vez que ten un amparo institucional máis ou menos acertado é no réxime autonómico. Teriamos que partir dese suposto e logo ir máis adiante. En fin, as cousas non se fan nun día.

As estatísticas falan de datos descorazonadores sobre a pervivencia da lingua. Que está pasando á hora de non seducir os novos falantes?
Pasa o que non esperabamos, porque criamos que isto se resolvía co ensino, e non é así. O ensino é fundamental, peron non é suficiente. A xente sabe galego en grandes proporcións, pero en cambio o galego ten unha menor permeabilidade social porque está en parte desamparado dende o punto de vista institucional. Digamos que non falar galego non está penalizado. E logo hai outra cousa, as xeracións dos últimos trinta anos, que aprenderon galego na escola, no instituto, desde logo están máis dotados para falar galego que os que non o estudamos. Pero en cambio, non o falan. Hai problemas de sociabilidade. Hai núcleos de poboación nos que cando os rapaces empezan a socializar, a xogar, a saír, cambian de idioma, de galego a castelán... Eu creo que isto merece unha reflexión política moi importante e é que debe haber un punto de encontro na estratexia do uso do galego de todos os grupos políticos, e non o emprego da lingua como arma política.

Conflito lingüístico: É preciso chegar a un consenso sobre a utilidade e dignidade que como pobo significa ter unha lingua propia

Chegar a un consenso linguístico
Si, pero non ortográfico. Un consenso sobre a utilidade e dignidade que como pobo significa ter unha lingua propia. E isto, en fin, é como ter o territorio ben ordenado. E isto mentres sexa un tira puxa, temos unha mala solución.

É académico da Real Academia Galega. Ás veces existe a teima da duplicidade de institucións culturais en Galicia. Considera que entre a RAG e o CCG se puidese dar este problema?
Duplicidades pode habelas con outras institucións. Entre o CCG e a RAG a diferencia é clarísima. O Consello ocúpase só do uso social da lingua. O da duplicidade é unha lenda urbana, pero é tamén unha forma de ir minando a propia lexitimidade das institucións que se ocupan da lingua galega. Tamén está o centro de Centro de Estudos Ramón Piñeiro, pero nunca se fala diso. Por que? Iso é outra entrevista. A idea é que esa duplicidade non existe, senón que o que hai son puntos nos que hai que converxer, incluso porque formamos parte persoalmente, algúns, dos mesmos plenarios.

Neste 2018 que estamos a comezar celébrase o centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo. Como deberan ser as conmemoracións?
Como Consello xa levamos dous anos traballando sobre iso e este ano faremos un terceiro congreso sobre as Irmandades. Eu penso que as Irmandades foron un movemento minoritario, pero de gran forza de futuro e cunha vontade de ruptura. Ou sexa, non foron herdeiros de, senón creadores de. Foron precursores, adiantados, pioneiros.

Irmandades: Foron un movemento minoritario, pero cunha gran forza de futuro e cunha vontade de ruptura. Foron pioneiros

Nese senso, que significa este acontecemento na política contemporánea de Galicia?
Foron esenciais, porque deron lugar á creación do Seminario dos Estudos Galegos. Sería impensable sen as Irmandades da Fala. O Partido Galeguista é herdeiro das Irmandades da Fala. O movemento estatutario e autonomista está vencellado ás Irmandades da Fala. Por tanto, todo iso é o que hai que celebrar. Pero en Lugo, eu diría que hai que poñerlle un plus. Esta Asamblea é importante na historia de Galicia, pero máis que fose na cidade de Lugo. Fose por razóns de centralidade, porque había tren ou polo que fose, o feito de que os membros das Irmandades se reunisen en Lugo é para Lugo un motivo de orgullo. Pero non un orgullo fatuo. Senón un orgullo para poder aproveitar e relanzar este propio feito.

Permítame para rematar a licencia. Co que fala vostede, non lle teñen proposto moitas veces adicarse á política, ser conselleiro?
Non! Pero se os conselleiros non falan. Non levo bo camiño. Entón sería un mal conselleiro. (Risos) Non sei. Non está na miña previsión, pero parece que teño colgado ese 'sambenito'.

"Promocionamos o bo nome de Galicia en especial en lugares con colectivos emigrantes'

Cales son actualmente as principais liñas de actuación do Consello da Cultura Galega?

Nós temos unha velocidade de cruceiro perfectamente establecida, que son tres puntos basicamente, que son preservar, que é estar atento a todo o patrimonio, que non só e o da lingua, senón tamén o natural, o artístico o bibliográfico.

Segundo, o CCG é un lugar de encontro, por tanto é un lugar onde se poden facer informes ou asesorías dunha forma transversal. Non que só sexa unha orientación. Temos a sensibilidade combinar orientacións diferentes, escolas diferentes, para poder dar unha opinión sensata. Por tanto, axudamos as institucións galegas cando nos preguntan, por exemplo, por un castro, sobre un monumento, sobre a lingua, sobre unha reserva natural.

E logo desenvolvemos moito traballo en promocionar o bo nome de Galicia, de estar presentes especialmente en lugares onde estan os colectivos de emigrantes. Todo eso faino o Consello en parte por mandato fundacional e en parte porque o foi incorporando ao seu propio traballo diario. Por exemplo, ter un portal adicado á cultura galega que é o máis visto dos portais sobre cultura galega, creo que é un servizo moi importante. Isto non estaba previsto na lei, pero estámolo facendo, con moita convinción, nos últimos 15 anos.

Ramón Villares: "Castelao nunca se manifestou a favor de romper con...
Comentarios