Rosario Álvarez convírtese na primeira presidenta do Consello da Cultura Galega

Álvarez, ata a data vicepresidenta, sucede a Ramón Villares no cargo

Rosario Álvarez Blanco. CCG
photo_camera Rosario Álvarez Blanco. CCG

O Pleno do Consello da Cultura Galega (CCG) elixiu este xoves a Rosario Álvarez Blanco, catedrática de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, como presidenta da entidade, a primeira muller que exercerá esta responsabilidade. Álvarez, ata a data vicepresidenta, sucede a Ramón Villares no cargo, quen cumpriu o máximo de anos posible segundo os estatutos do consello.

O Pleno da institución votou favorablemente a candidatura de Rosario Álvarez Blanco, única presentada para a presidencia do Consello da Cultura. Rosario Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución e o seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia.

No seu discurso de presentación, Rosario Álvarez debullou as liñas estratéxicas da súa candidatura, e que son de "continuidade, non continuísmo". Avanzou que nesta nova etapa na entidade incorporará "novo ánimo, novos retos e novos modos" á institución apostando pola xestión participativa e por "explotar ao máximo a fortaleza representativa do CCG" e o seu "carácter referencial" para a cultura galega.

Subliñou a necesidade de traballar desde o CCG pola igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta.

Así mesmo, sinalou a necesidade de cubrir "da maneira máis eficaz posible o amplo espectro do ecosistema cultural galego", chegando a novos públicos e repensando os enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e actividades, apoiándose na estratexia dixital para chegar a estes fins".

Comentarios