Saen á luz as cartas que Carvalho Calero cruzou con Otero Pedrayo e Luís Seoane

O Consello da Cultura Galega colgounas na súa web. BNG e Compostela Aberta súmanse á reclamación para que a dedicatoria ao ferrolán do Día das Letras se amplíe a 2021
Ricardo Carvalho Calero. ARCHIVO
photo_camera Ricardo Carvalho Calero. ARCHIVO

A correspondencia que o escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero cruzou con intelectuais galegos contemporáneos como Luís Seoane, Xosé María Álvarez Blázquez, Valentín Paz-Andrade ou Ramón Otero Pedrayo pode consultarse no apartado que o Consello da Cultura Galega dedica na súa páxina web ao protagonista do Día das Letras Galegas 2020.

A través de máis dun centenar de cartas pódese descubrir a faceta máis persoal de Carvalho Calero, que mantivo unha ampla correspondencia con distintas personalidades da súa época cos que mantiña amizade, a pesar de que nunha carta enviada a Luís Seoane di de si mesmo que a súa "soidade interior non é para cultivar en min unha sociabilidade que nunca posuín en grao sobresaliente".

O epistolario máis amplo que pode consultarse na web do CCG é o que Carvalho Calero mantivo con Otero Pedro Pedrayo, quen, ao longo de 167 cartas (que se conservan repartidas entre o Parlamento de Galicia e a Fundación Penzol) enviadas entre 1949 e 1974, comparten o seu sentido de país e os seus proxectos.

DÍAS DAS LETRAS 2021. Así mesmo, este mércores, o Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta sumáronse á petición á Real Academia Galega (RAG) para que amplíe a 2021 a dedicatoria a Ricardo Carvalho Calero do Día das Letras, dado que este ano os actos do 17 de maio víronse afectados pola crise do coronavirus.

Pola súa banda, o Bloque considera que "é de xustiza garantir que todos o homenaxeados gocen do recoñecemento que corresponde ao longo", algo que non se cumpriu, como lembran, no caso do escritor ferrolán, cuxa dedicatoria do Día das Letras "era tan esperada".

Para Compostela Aberta, que destaca que parte dos actos en torno ao 17 de maio terían lugar en Santiago polo vínculo de Carvalho Calero coa cidade, o cambio da homenaxe ao 31 de outubro (anunciado pola RAG que, por primeira vez, move o seu pleno extraordinario fóra do 17 de maio) "dificulta o desenvolvemento de todos os eventos previstos ao redor da figura do escritor", especialmente aqueles que levan a cabo en colexios e institutos.

Comentarios