Saen á luz as cartas escritas por Isaac Díaz Pardo a Luís Seoane 

O Consello da Cultura Galega publica 330 misivas intercambiadas entre ambos os creadores desde 1957 a 1979
Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. CONSELLO DA CULTURA GALEGA
photo_camera Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 - A Coruña, 2012) coa publicación online do epistolario entre o multifacético galeguista compostelán e o artista Luís Seoane. 

Segundo explica o Consello da Cultura Galega, "é a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saen á luz", posto que as remitidas por Seoane xa foron publicadas en 2004 por Ediciós do Castro. 

Desde este sábado, 22 de agosto –día de nacemento de Díaz Pardo–, poderanse ler online nunha especial web o total de 330 cartas intercambiadas entre ambos os creadores desde 1957 a 1979. 

Nesas cartas, pódese coñecer a intrahistoria do Laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos e do Museo Carlos Maside. Os creadores tamén mostran a súa opinión sobre o traslado do corpo de Castelao, falan da problemática do galeguismo no interior de Galicia, así como dos desencontros coa censura e as súas accións no exilio. 

Este epistolario preséntase cun prólogo contextualizador a cargo do historiador Ramón Villares –presidente do CCG entre 2006 e 2018. Estas cartas "mostran que os seus autores eran dúas persoas traballaban de modo conxunto, en Arxentina e Galicia, para crear ese proxecto transformador". 

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destaca que as cartas "desvelan a intrahistoria, sempre desde o punto de vista dos dous correspondentes, de enormes proxectos de modernización cultural de Galicia como foron Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Museo Carlos Maside". 

Comentarios