Salvador García Bodaño recibirá unha homenaxe da RAG no Día da Poesía

Un recital dará voz o vindeiro día 21 aos poemas do académico, un dos grandes nomes da Xeración das Festas Minervais

Salvador García Bodaño. RAG
Salvador García Bodaño. RAG

Os versos de Salvador García Bodaño (Vigo, 1935) encherán a Real Academia Galega o vindeiro 21 de marzo. A institución dedicaralle ao escritor e académico o Día Mundial da Poesía cun recital público no que voces das letras galegas de distintas xeracións lerán e comentarán poemas do autor, un dos grandes nomes da xeración dos 50. A parte musical correrá a cargo de Miro Casabella, que converteu versos do homenaxeado en cancións. O académico de honra Arcadio López Casanova, compañeiro naqueles anos, asina a loanza da homenaxe.

A celebración terá lugar a partir das 19.30 horas do xoves 21 de marzo no salón de actos da RAG, institución á que Salvador García Bodaño pertence como membro de número desde 1992. Recitarán os seus versos Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da Academia Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre. Andrea Porto conducirá o acto, que abrirá o presidente Víctor F. Freixanes e pechará o académico Xesús Alonso Montero.

Salvador García Bodaño deuse a coñecer como membro da Xeración das Festas Minervais, certame recuperado no Santiago dos anos 50 no que foi galardoado en distintas ocasións, e confirmouse como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro, Ao pé de cada hora.

Xunto a outros títulos individuais, a obra do autor complétase con numerosas contribucións a volumes colectivos

Neste volume, singular no seu momento, conflúen xa o galeguismo e o existencialismo, dúas correntes fundamentais na súa formación intelectual que marcarán a súa traxectoria; e rexen tamén dous dos seus eixes: o amor á terra, á Galicia que dá nome ao poema que abre o libro, e retratada tamén a través de versos de homenaxe aos distintos escritores; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal. O intimismo marca tanto a súa poesía do amor como a poesía civil, en contraste coa poesía social predominante nos seus anos de mocidade.

En 1978 saíu do prelo o seu seguinte título, Tempo en Compostela, merecedor do Premio da Crítica de Poesía Galega. Nestas páxinas a protagonista é o seu terceiro obxecto de atención poética, o seu espazo vital por excelencia: a cidade de Santiago. A urbe é aquí retratada cun alento entre lírico e épico absolutamente novidosos na literatura dedicada á localidade, advertía Carlos Casares na resposta que lle deu a Salvador García Bodaño no discurso de ingreso na Real Academia Galega (1992).

Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, Os misterios de Monsieur D'Allier (1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento aparece recompilada en Obra poética e un ano despois sae do prelo a plaquette Pegadas no alcatrán, un retrato crítico da decadencia da vida nas cidades que avanzaba a modernidade poética acadada en Cidade virtual.

Xunto a outros títulos individuais, a obra do autor complétase con numerosas contribucións a volumes colectivos e unha intensa produción como articulista na prensa, que continúa na actualidade cunha columna dominical en El Correo Gallego.

Cómpre sinalar ademais o seu labor como tradutor, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia, centrado nas páxinas dedicadas a Galicia polo escritor George Borrow no seu The Bible in Spain (1843).

Comentarios