Sonia Méndez: "O boom das series non me tocou, algunhas seguimos loitando"

A actriz e directora Sonia Méndez é directora do Carballo Interplay. Estreou este ano a serie transmedia Antes de perder con Playz e está gravando un documental sobre Luz Fandinho
Sonia-Méndez-2-1024x682
photo_camera Sonia Méndez. EP

Cando en Galicia dicir webseries era non dicir nada, Sonia Méndez andaba contando as aventuras frikis de Roberta e Angélica en Youtube. É directora do Carballo Interplay, cita na que se debullan contidos dixitais. Este ano estreou a serie Antes de perder con Playz. Neste verán vive mergullada nun documental sobre a poeta e activista Luz Fandinho.

Ser muller e directora supón que sempre lle pregunten por cuestións que, se fose home e director, non lle preguntarían.

Iso de dicir "muller e directora" está excluíndo a muller dun conxunto no que xa está incluída. Esa conxunción ponme nerviosa, non é "cine e muller"... O cine inclúe a muller. Vou para os 40 e seguimos coas mesmas, espero que esas preguntas deixen de chamar a atención. A maioría de veces son homes e protagonizan tamén homes, e ninguén pregunta por que son todos homes. Se lle dás a volta a unha situación, se lle cambias de sexo e che parece estraña é que algo non está ben. Os tíos non falan destas cousas porque xa o teñen resolto, nós temos que empezar a non falar e utilizar os nosos espazos para falar doutras cousas.

Falemos dos seus comezos. Empezou como actriz con 11 anos e acabou formándose en dirección. Roberta e Angélica, dirixida por vostede, foi pioneira en Galicia nese campo.

Había certa impostura nela, faciamos o que nos daba a gana, pero tamén estaba a cuestión detrás de: "Todas as series de frikis teñen que ser de tíos e as mulleres ser as amigas ou mozas". Entón había unha inversión aí, porque nós viamos esas series e gustábanos que houbera algún referente así. Ninguén nos ía producir iso, por iso o fixemos desa forma cutre e outsider.

Este ano estreou Antes de perder con Playz. Como nace esta serie?

Hai moito tempo era unha longametraxe, quería facer unha road movie moi peliculera de dúas tías que se coñecían por unha casualidade e se fan amigas. Era unha historia de amizade, nada do que lle acontecía tiña que ver con algo que lles pasase cos homes. Non escapaban de mundos masculinos violentos como Thelma y Louise.

A serie ten unha banda sonora moi coidada.

Foi unha selección moi personal da directora, a maioría das bandas son femeninas e, cando non, son galegas. A banda sonora da serie é de Xabier Mera, partía da idea de western con percusion tradicional. É preciosa.

É unha serie que se expande nas redes sociais. Vostede dirixe o Carballo Interplay. Nas novas narrativas, é fundamental a interactividade?

Segundo que publicos é interesante que se sentan participes. Agora mesmo con calquera serie, aínda que non se fomente a interactividade, a xente comenta nas redes e xera contido. Queren compartir a experiencia.

Actualmente está gravando un documental e protagonízao Luz Fandinho. Como está sendo?

Empezamos hai nada. Será un proceso longo, de un ano. É a primeira vez que fago un documental. A ver se lle fai xustiza a Luz. Vai ser documental de personaxe, o que pasa é que con ela podes tocar infinidade de temas. Estoume deixando levar pola intuición, que é algo que nunca fixera; sempre traballo con guións.

Levo moitos anos nisto e conseguín facer 'Antes de perder' case aos corenta

Aquí o chegou iso que denominan o "boom das series"?

Levo moitos anos nisto e conseguín facer unha produción como Antes de perder case aos 40 anos e montando nós unha productora. O "boom das series" non me tocou. Aquí algunhas seguimos loitando, Estou moi agradecida, pero a estas alturas aínda non conseguín facer a miña primeira peli. Hai cousas que dicir tamén.

Como consumidora, que opina?

Paréceme unha burbulla, non pode ser que estean gañando por todas partes. Chegará un momento que só estarán as grandes multinacionais, hai algo aí que dá medo. Non dou visto todo, evidentemente; hai un consumo do audiovisual pouco orgánico. Paréceme interesante que se puidesen empezar a producir cousas de nicho que non se farían doutra maneira, como Derry Girls en Inglaterra. Aquí non está pasando. Se imos seguir producindo o que se facía para teles, pero agora para plataformas, pois vaia... Imos facer algunhas frikadas!

Comentarios