Tanxugueiras, as favoritas dos fans de Eurovisión para representar a España en 2022 

O tema co que participará España no festival elixirase no Festival de Bernidorm
Tanxugueiras. EP
photo_camera Tanxugueiras. EP

Tanxugueiras, formada polas cantareiras galegas Olaia Maneiro, Aida Tarrio e Sabela Maneiro, impúxose como a favorita dos fans de Eurovisión para representar a España na próxima edición de 2022. 

En concreto, co tema Figa, Tanxugueiras impúxose en La Elección Interna 2022, unha enquisa anual entre os socios e lectores do portal Eurovisión-Spain.com, na que venceu en todas e cada unha das votacións realizadas ao longo do verán. 

Os eurofans escolleron Figa, canción lanzada o pasado mes de xullo e que fai referencia a un amuleto contra o mal de ollo. A través dela, Tanxugueiras rompe cos estereotipos e denuncia a caza de bruxas á que foron sometidas as mulleres durante séculos. 

Aínda que a canción coa que España participará en Eurovisión en 2022 elixirase no resucitado Festival de Bernidorm, esta enquisa interna dá unha idea do que ao público lle gustaría ver no concurso. 

Desde que España participa en Eurovisión no ano 1961, ningunha canción nas diferentes linguas cooficiais do Estado representou ao país. 

Despois de coñecerse o resultado do a enquisa realizada entre os fans do festival e na que Perra de Rigoberta Bandini e María José Llergo con La luz completan o podio, as Tanxugueiras mostráronse "agradecidísimas" a través do seu perfil na rede social Twitter. "Que viva o galego, a diversidade, as mulleres e a música", finaliza a súa mensaxe. 

Comentarios