The Baboom Show e Flow do Toxo, bandas confirmadas para o Revenidas

O festival anunciou os primeiros cinco nomes do cartel desta edición

Flow do Toxo. FACEBOOK
photo_camera Flow do Toxo. FACEBOOK

O Festival Revenidas, que celebrará a súa décimo sexta edición do 9 ao 11 de agosto, en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa, anunciou as cinco primeiras bandas confirmadas que formarán parte da súa proposta final.

Trátase do punk do cuarteto sueco The Baboon Show, El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, o poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, o potente punk e hard- core de Desakato e a cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.

The Baboon Show, tras de conquistar media Europa co seu indescifrable punk, chegarán ao Revenidas cargados de enerxía e dispostos a conquistar Galicia.

El Niño de la Hipoteca céntrase no rock en todas as súas variantes, cunha banda fixa de grandes músicos e cancións cada vez máis directas, ideais para cantar e bailar.

Flow do Toxo son un grupo de mulleres que cantan para okupar escenarios e espazos como tantos outros que lles foron arrebatados ás mulleres. Cantan para empoderarse e, aínda que non teñen estilo musical definido, posúen un discurso claramente feminista que nace no rural e bebe da tradición oral das súas devanceiras.

Desacato ten un estilo musical que oscila entre rockpunk e fussion xunto a un toque musical asturiano, que foxe dos cánons do rock estatal máis obsoleto para marcar o seu propio camiño.

Los Jinetes del Trópico nacen en 2015 coa firme intención de investigar os sons tropicais procedentes de latinoamérica e mesturalos coa nosa lingua e os nosos costumes con ritmos como a cumbia, o reggaeton e electrónica.

A organización do festival Revenidas está inmersa na elaboración da programación cun potente contido cultural galego que abarca diversas disciplinas vinculado sempre ás tradicións. 

Ademais, o Festival das Linguas aposta por unha combinación de espazos gratuitos para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que incluirá máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas, e que se desvelará durante os próximos meses.

O modelo de combinar actividades gratuitas para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vinculadas á vila e á contorna no que se celebra. 

Tras esgotar a súa promoción inicial de lanzamento en 15 minutos, os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden comprar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 29 a través da páxina web www.revenidas.com

Comentarios