O Arsenal confirma a chegada de Unai Emery

O técnico publicara unha imaxe anticipando a fichaxe, e logo tivo que borrala ►Os gunners terán un orzamento de 60 millóns para fichaxes

Unai Emery. CHRISTOPHE PETIT TESSON (EFE)
photo_camera Unai Emery. CHRISTOPHE PETIT TESSON (EFE)

O Arsenal anunciou este martes a chegada do técnico español Unai Emery como substitución de Arsene Wenger, quen deixou o club a pasada semana logo de 22 anos.

Emery, de 46 anos, que guiou recentemente ao París Saint-Germain aos títulos de liga, Copa e Copa da liga en Francia, asegurou que está "moi emocionado" por poder "empezar un novo capítulo na historia do Arsenal".

"Estou encantado de chegar a un dos mellores clubs do mundo. O Arsenal é amado e querido en todo o planeta polo seu estilo de xogo, o seu compromiso polos futbolistas novos e o seu estadio de primeira categoría", declarou o adestrador vasco.

"Estou tremendamente emocionado de que me deron a responsabilidade de empezar un novo capítulo na historia do Arsenal e con moitas ganas de dar alegrías a todos aqueles que aman este club", engadiu.

Unai Emery, que ten a difícil tarefa de substituír no banco gunner a toda unha lenda como Arsene Wenger, o que foi o técnico as últimas 22 tempadas, foi, segundo o conselleiro delegado do Arsenal, a elección "unánime" da xunta directiva tras descartar a Mikel Arteta pola súa inexperiencia.

ANTICIPO. A web oficial de Unai Emery publicara este martes unha imaxe na que anticipou a súa chegada ao Arsenal como sucesor de Arsene Wenger no banco gunner.

A peculiaridade do asunto radica en que o propio club inglés non fixera nada oficial aínda, e a foto acabou desaparecendo unhas horas despois. "Orgulloso de ser parte da familia do Arsenal", rezaba o texto da imaxe, acompañado dunha foto do propio adestrador guipuscoano.

Imaxe coa que Unai Emery anunciou a súa chegada ao Arsenal

NOVA ETAPA. Segundo informan desde Inglaterra Emery o técnico asinará un contrato de longa duración cos gunners.

En canto á partida destinada para as fichaxes, Emery contará con ao redor de 60 millóns de euros, máis o diñeiro que se poida sacar por algunha venda.

O alto investimento realizado polo Arsenal na pasada campaña, con xogadores como Alexandre Lacazette e Pierre Emerick Aubameyang como máximos expoñentes, obriga a non facer dispendios económicos, pero de todos os xeitos o adestrador español contará cun persoal fiable coa que ir crecendo co tempo.

Comentarios