Muntari, excompañeiro de Seedorf no Milán, a proba co Deportivo

Sulley Muntari, con la selección de Ghana. AEP
photo_camera Sulley Muntari, con la selección de Ghana. AEP

O RC Deportivo confirmou este xoves que o internacional ganés Sulley Muntari aterrará esta noite no aeroporto coruñés de Alvedro para tratar de convencer ao técnico branquiazul, Clarence Seedorf, de fichar polo club galego, que dispón dunha ficha libre para xogadores sen equipo, caso do excentrocampista do Milán.


Sulleyman Ali Muntari (Konongo, Ghana, 27 de agosto de 1984) ten previsto chegar á cidade galega ás 23.30 horas e incorporarse este venres aos adestramentos do Deportivo na cidade deportiva de Abegondo.


O club coruñés explica que o internacional ganés adestrarase co cadro branquiazul para avaliar unha posible incorporación definitiva ao plantel deportivista.


O Deportivo, que rescindiu o contrato de Bruno Gama nas últimas horas do mercado invernal para deixar unha ficha libre, buscaba entre os xogadores en paro o centrocampista defensivo que non foi capaz de incorporar en xaneiro. A ese posto optará Sulley Muntari, un centrocampista zurdo que se estaba sen equipo tras desvincularse do Pescara.


No fútbol italiano desenvolveu case toda a súa carreira en equipos como o Udinese, o Inter de Milán, o Milan e o Pescara, pero tamén defendeu as camisetas do Portsmouth e do Sunderland en Inglaterra, así como a do Ittihad de Arabia Saudita.


No Milán chegou a compartir vestiario co actual adestrador do Deportivo, Clarence Seedorf, na tempada 2011-12. Conta con 270 partidos no seu currículo na Serie A de Italia, 38 na Premier League inglesa e 33 na Liga de Campións, entre outros torneos de clubs, así como 84 partidos coa selección absoluta de Ghana.

Comentarios