María Loureiro: "Nos próximos anos Galicia liderará políticas de transición enerxética"

A profesora da Pontenova vén de ser galardoada co premio María Josefa Wonenburger pola súa traxectoria e labor profesional, converténdose na primeira economista en recibir este recoñecemento. Nesta peza, comparte a súa visión sobre os retos do cambio climático, a economía circular e o relevante papel que Galicia podería xogar nun futuro verde.
María Loureiro recollendo o premio. EFE
María Loureiro recollendo o premio. EFE

María Loureiro vén de recibir o prestixioso premio María Josefa Wonenburger, converténdose na primeira economista en obter este recoñecemento. Cunha traxectoria marcada pola investigación interdisciplinar e o seu compromiso coa sustentabilidade, a da Pontenova é unha figura clave no ámbito da economía ambiental dentro da comunidade galega.

Que significou recibir o galardón?
Ten un significado moi especial. Estou enormemente agradecida porque é un recoñecemento á miña traxectoria, pero, sobre todo, é un recoñecemento colectivo. Hoxe en día, o traballo en equipo é esencial, e penso que as habilidades complementarias das persoas que nos rodean son fundamentais. Isto é para todos e todas as que traballan comigo, para as persoas que me axudaron a chegar ata aquí e para as institucións que me apoiaron. Estou moi honrada de recibir este galardón da Xunta.

Recalca moito o traballo en equipo. Que aspectos lle parecen esenciais para avanzar na investigación?
A complementariedade das habilidades e a colaboración entre disciplinas. Hoxe, para abordar problemas complexos como os impactos do cambio climático ou as catástrofes naturais, os equipos interdisciplinares son imprescindibles. A combinación de perspectivas é o que nos permite avanzar. Tamén é fundamental contar con recursos axeitados e fomentar un ambiente no que a creatividade poida florecer. Ademais, é esencial fomentar unha cultura de colaboración aberta e inclusiva.

Xa pasaron 22 anos desde a catástrofe do Prestige, onde vostede e o seu equipo foron pioneiros en avaliar os danos económicos. Que leccións saca como sociedade?
Aprendemos moitísimo. Unha das palabras clave é resiliencia, que é algo que daquela non se utilizaba tanto. Como sociedade, vimos que xuntos somos moito máis fortes ca de xeito individual. Ademais, comprobamos que o altruísmo e a xenerosidade non teñen límites, especialmente na resposta da cidadanía ás grandes catástrofes. Tamén aprendemos a importancia de cuantificar economicamente as perdas para poder reclamar as compensacións necesarias. Desde unha perspectiva máis ampla, o Prestige ensinounos a ser máis conscientes da nosa vulnerabilidade e a necesidade de prepararnos mellor para o futuro. E non só iso: tamén evidenciou a importancia da transparencia e dunha boa xestión pública para evitar que os erros se repitan.

Que impacto tivo aquela experiencia na súa carreira profesional?
Aprendín moito a nivel vital. Foi unha experiencia moi formativa, tanto a nivel profesional como persoal. Tivemos que innovar e desenvolver metodoloxías para avaliar os danos económicos dunha catástrofe desa magnitude. Tamén foi un recordatorio do poder que teñen os datos e as análises rigurosas para influír na toma de decisións políticas e sociais. Cada proxecto no que traballo leva esa lección de fondo: a importancia de estar preparados e de actuar con responsabilidade e anticipación.

No eido do cambio climático, mencionou que Galicia ten moito que dicir. Como valora o papel comunidade neste ámbito?
Galicia é un actor clave no que se refire á mitigación e adaptación ao cambio climático. Por unha banda, temos sectores como a pesca e a agricultura, que son altamente dependentes do clima, pero, por outra, contamos con recursos como os montes, que poden captar CO2. Ademais, estamos avanzando cara ás renovables e á innovación industrial. Creo que nos vindeiros 15 anos, Galicia liderará moitas políticas de transición enerxética e sustentabilidade. O potencial das enerxías renovables, especialmente a eólica mariña, será un piar para impulsar unha economía máis verde.

Como evolucionou a forma de avaliar o impacto económico de eventos como as dinas?
Hoxe empregamos tecnoloxías máis avanzadas, como as imaxes satelitais, e dispoñemos de fontes de datos que antes eran imposibles de manexar. Ademais, a colaboración interdisciplinar é crucial. Agora comprendemos que estes problemas globais requiren unha visión holística, non compartimentada como antes.

Xoga un papel clave contra o negacionismo do cambio climático.
Si, é vital que os investigadores nos fagamos máis visibles e que comuniquemos de forma clara os aspectos científicos que rodean as catástrofes. Se non, os bulos e a desinformación terán máis peso.

A economía circular está chamada a ser un modelo vital. Como encaixa isto no futuro de Galicia?
É o futuro. Trata de reutilizar e maximizar os recursos existentes, evitando recorrer a novos. Isto ten un impacto positivo non só a nivel económico senón tamén ambiental. Galicia pode liderar neste campo, aproveitando os seus recursos propios de maneira sostible. O sector agroalimentario, por exemplo, pode beneficiarse ao integrar prácticas circulares.

Un consello para os máis novos: "Que sexan positivos porque hai futuro"

Que consello daría ás novas xeracións de economistas?
Case prefiro recibir consellos, pero aos novos dígolles que sexan positivos porque hai futuro. Un futuro responsable existe sempre e cando nos involucremos nel. 

No eido persoal, que lle gusta facer no seu tempo libre?
Encántame viaxar, pero intento ser consciente das emisións cando o fago. Tamén leo moito e disfruto de actividades en familia, especialmente co meu fillo.

Foi a primeira muller na sección de Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias. Como vive esa responsabilidade?
É unha oportunidade de abrir camiño para outras mulleres que están a facer un traballo extraordinario. A visibilidade é crucial para inspirar ás novas xeracións. Sinto que este recoñecemento axuda a reforzar a necesidade de igualdade en todos os ámbitos.

Comentarios