ENTREVISTA

Santiago Lago: "A produción de enerxía renovable debe beneficiar moito máis aos galegos"

A transición enerxética e o rol da intelixencia artificial nas empresas foron temas sobre os que estes días reflexionou o Foro Económico de Galicia na súa XII reunión anual en Muxía. Lago ve clave a creación dunha utility galega para que o desenvolvemento das renovables reverta no territorio.
Santiago Lago, director del Foro Económico de Galicia y catedrático de Economía Aplicada de la UVigo.EP
photo_camera Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia e catedrático de Economía Aplicada da UVigo. EP

Posicionar o Foro Económico de Galicia "nos grandes debates estatais" é un dos novos obxectivos que se marca o think tank que agrupa a académicos, parlamentarios e a empresarios e que pretende guiar cos seus informes a acción política e social. O director desta plataforma de coñecemento creada no 2010, o catedrático da UVigo e membro da Real Academia de Ciencias Económicas, Santiago Lago, repasa algúns dos retos que encara a economía galega e que esta semana foron obxecto de debate no encontro anual do foro.

Tras uns meses nos que se lle deu un pulo á tramitación de decenas de parques eólicos, aclarouse a planificación dos muíños no mar e presentáronse varios proxectos de hidróxeno verde, como ven o ritmo da transición enerxética? Estaremos preparados para dar soporte a unha economía electrificada e neutra en emisións de CO2 no 2050?
Os tempos dan. A realidade é que Galicia xa ten boa parte do camiño feito e aínda seguimos sendo unha referencia en eólica. É verdade que nos últimos anos non aumentou moito a capacidade instalada, pero temos unhas capacidades moi fortes. Queda tempo. Pero é moi importante ter en conta que, dada a nosa fortísima dependencia das enerxías fósiles en todo que ten que ver co transporte, o desafío é enorme, tanto no que atinxe á instalación de parques eólicos onshore e offshore, como no que toca á fotovoltaica para consumos domésticos e para outros usos. O hidróxeno é unha peza importante na ecuación porque permite o aproveitamento pleno das capacidades instaladas de eólica e de fotovoltaica como sistema para acumular os excedentes de produción. Ademais, facilita unha substitución dos hidrocarburos en procesos altamente enerxéticos. Pero acadar o volumen de produción de hidróxeno verde necesario para compensar o transporte que se fai con combustibles contaminantes esixirá unha ampliación na capacidade da eólica mariña e terrestre moi importante. Neste punto, o desafío non é tanto o tempo como facer ben as cousas en dous sentidos.

Cales son esas prioridades?
Primeiro, temos que ser quen de facer instalacións que xeren os menores efectos negativos posibles. No caso da offshore, no que ten que ver coa pesca, e no relativo á eólica terrestre, non pode ser que instalacións de parques arruínen explotacións gandeiras de alto valor engadido, a paisaxe ou que estean moi preto dos veciños. Hai que procurar un equilibrio para que esas externalidades negativas que son inevitables sexan as menores posibles. O segundo desafío é que os galegos quedemos cunha parte significativa dos beneficios. Non pode ser que outra vez veñan empresas de fóra que usen o noso vento ou a auga practicamente a custo cero. Neste sentido, a posibilidade de crear una utility é algo que levo defendendo tempo.

E parece que a Xunta o tivo en conta, pois está decidida a crear unha sociedade mixta de capital público-privado que participe nos novos proxectos de renovables...
Cremos que sería unha peza moi importante. O aproveitamento dos recursos debe beneficiar moito máis aos galegos. Ademais, isto tamén axuda a asumir os efectos externos negativos. Todo o mundo prefire non ter os muíños, pero precisámolos. A idea é lograr que esa enerxía verde nos dea acceso a electricidade máis barata ou nos permita dispoñer de fondos para que a Xunta poida financiar capítulos como o ensino ou a sanidade a través dos dividendos derivados da propiedade deses parques. E por suposto, os máis beneficiados deberan ser os concellos nos que se implanten os parques.

Os accionistas de Ferrovial apoiaron esta semana o traslado da sede social a Ámsterdam. A política económica actual xustifica este tipo de decisións empresariais?
Para que puidese haber esa causalidade, o lóxico sería que nos atopásemos con moitos máis traslados de empresas grandes do Ibex. Cando se trata dunha soa, esa explicación perde forza. Creo que cun só caso dificilmente podemos botarlle a culpa a unha política económica que afecta a todos. Ten que haber outro tipo de factores máis persoais e da empresa. Algún día coñeceremos cales foron os que pesaron máis.

Con carácter xeral, non é bo que unha empresa galega acabe en mans foráneas. No caso de Nueva Pescanova é o mal menor

A venda de Nueva Pescanova a Cooke é unha boa nova aínda que implique que a compañía pase a mans dun xigante canadense?
Con carácter xeral, non é bo que unha empresa de capital galego acabe en mans foráneas. Obviamente, significa unha perda de control, aínda que é certo que as instalacións, os equipos e a sede se mantén aquí. O que ocorre é que hai que recoñecer que un banco sexa o propietario dunha industria non é a norma, non é o canon. Polo tanto, de non haber outro capital galego que adquirise a empresa, que haxa interesados fóra e que manteñan a sede en Galicia é o mal menor. Probablemente non fose o mellor momento para vender. Dentro dun ou dous anos a empresa valería moito máis e igual tería tamén outros capitais galegos interesados. Con todo, enténdese perfectamente esta decisión como a necesidade de Abanca de saír do accionariado.

Na segunda xornada do seu encontro anual, o Foro debateu sobre o uso do galego como factor diferencial. Dinamizouse a súa utilización no terreo económico e empresarial?
Observamos un proceso rechamante. O galego retrocedeu nos espazos nos que hai 40 anos tiña moito peso, como é a esfera cotiá, os fogares... En troques diso, hoxe é máis relevante noutros espazos nos que tiña unha presenza marxinal ou non a tiña. Falo da esfera pública, a universidade, a política... O partido xógase aí. Doutro lado, hai que lembrar que o galego é unha lingua que está moi preto do portugués. Ese acceso á lusofonía, esa oportunidade de comunicarnos con varios centos de millóns de persoas que teñen o portugués como lingua principal é algo que non estamos aproveitando e deberiamos facer esforzos.

Comentarios