A campaña electoral cara ao 26-M arrinca en Galicia

Operativo de distribución de material loxístico para as eleccións europeas e municipais do 26 de maio. CABALAR (EFE)
photo_camera Operativo de distribución de material loxístico para as eleccións europeas e municipais do 26 de maio. CABALAR (EFE)

Feijóo pide o voto ao PP nas europeas "para dicir á UE que Galicia é importante" 

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou na medianoite deste venres, no arranque da campaña electoral para as eleccións municipais e europeas do 26 de maio, que o voto ao seu partido servirá "para dicir á Unión Europea que Galicia é importante". 

No tradicional acto de pegada de carteis que os populares celebraron no Hotel Compostela de Santiago, Feijóo advertiu que os intereses de Galicia "están en xogo". 

En presenza do candidato do PP á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, Feijóo advertiu que "só hai unha vía" para que este sexa rexedor, que é "votar ao Partido Popular". 

Feijóo xunto ao candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández (2d) no acto de arranque de campaña. PEPE FERRÍN (AGN)


Caballero insta a "converter as cidades" en bastións "do progreso" 
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu o voto para a súa formación nas próximas eleccións municipais do 26 de abril para "converter as cidades galegas" en bastións "do progreso" e da "loita contra a extrema dereita". 

O xefe de filas dos socialistas galegos participou en Ourense na tradicional pegada de carteis que marca o inicio da campaña electoral en compañía do candidato á Alcaldía, Rafael Rodríguez Villarino. 

Tras unha vitoria "histórica" nas pasadas eleccións xerais, nas que se alcanzou unha elevada participación, Gonzalo Caballero chamou a repetir esa mobilización "masiva" para impedir a entrada da ultradereita nos concellos nos que concorre para evitar que unha dereita que "non é de fiar" chegue ás alcaldías. 

Caballero na apertura de campaña este venres en Ourense. TWITTER

En Marea apela por levar un modelo de xustiza "social" á Eurocámara e os concellos
En Marea arrincou a campaña electoral cara á dobre cita coas urnas do 26 de maio na que queren levar un "novo" modelo radicado na "xustiza social, o ecoloxismo e o feminismo" ao Parlamento europeo e aos concellos. 

Na medianoite deste venres, o portavoz do partido instrumental, Luís Villares, arroupou en Lugo á candidata ao Parlamento europeo Lídia Senra e á cabeza de lista de Lugonovo, Xosé Chorén; na tradicional pegada de carteis coa que deron inicio á campaña electoral. 

"O próximo día 26 Galicia xógase moito. Nós cremos que dereitos como as pensións, a sanidade ou a auga deben estar desmercantilizados. Non podemos permitir que se faga negocio co que é de todas", incidiu Villares, que chama a frear "a privatización de servizos, a corrupción, as portas xiratorias e o favorecemento de empresas amigas". 

Villares no arranque de campaña en Lugo xunto a Chorén e Senra. EP

Pontón chama á mobilización para "estender o modelo municipal de éxito do BNG"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamou no arranque da carreira cara ás urnas do próximo 26 de maio que a formación nacionalista "vai a por" todas e chamou á mobilización cidadá co obxectivo de estender "o modelo municipal de éxito" a toda a xeografía galega. "`Máis BNG!", proclamou. 

O Bloque Nacionalista Galego elixiu A Coruña, co seu candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, para abrir esta contenda electoral que encara, en palabras de Pontón, "co obxectivo de sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar máis gobernos do BNG e, por suposto, para avanzar para ter máis peso político en todas as cidades". 

Pontón salientou que o Bloque, tras as eleccións xerais, está "á alza" e isto permitirá aos nacionalistas "estender por Galicia un modelo municipal de éxito, que demostrou que funciona, capaz de transformar en positivo vilas e cidades para mellorar a vida das persoas". 

Pontón, no arranque de campaña xunto a Jorquera e Miranda. TWITTER

Comentarios