O decano de Dereito en Santiago postúlase como candidato do PSOE á alcaldía

Gumersindo Guinarte convocou aos militantes da formación a unha reunión na que presentará as liñas mestras do seu proxecto

Gumersindo Guinarte. ARCHIVO
photo_camera Gumersindo Guinarte. ARCHIVO

O decano da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela (USC), Gumersindo Guinarte, postulouse como candidato do Partido Socialista á alcaldía da cidade, tras convocar aos militantes da formación a unha reunión o próximos xoves na que presentará as liñas mestras do seu proxecto. 

Segundo confirmaron fontes do PSOE consultadas por Europa Press, o encontro coa militancia terá lugar na sede da agrupación local en Ramón Cabanillas, segundo se comunicou xa por carta á militancia. 

Gumersindo Guinarte é profesor de Dereito Penal e decano da Facultade de Dereito desde 2015. No ámbito político ostentou os cargos de vicevaledor do Pobo de Galicia entre 2002 e 2005 e de secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009, durante o mandato bipartito de PSOE e BNG encabezado polo socialista Emilio Pérez Touriño. 

Co anuncio da súa candidatura desvélase unha das incógnitas das posibles propostas socialistas nas distintas cidades galegas, aínda que queda por confirmar se concorrerían outros candidatos. 

CANDIDATOS. O actual portavoz municipal, Paco Reyes, está á fronte dun grupo con 3 concelleiros na corporación dun total de 23. Obtiveran catro edís nas eleccións municipais de 2015, pero tras a renuncia dun deles, as diferenzas co seguinte integrante da lista electoral, funcionario na administración local, provocaron que o seu grupo manteña, a día de hoxe, unha acta de concelleiro vacante. 

Fontes socialistas confirmaron que Paco Reyes xa comunicou hai meses aos órganos de dirección do partido a súa decisión sobre postularse ou non como candidato, aínda que publicamente aínda non transcendeu, e a súa intención é que non se faga oficial ata que se convoquen as primarias. 

Así, na posible terna de candidatos quedaría por confirmar outro dos nomes que soaron con forza nos últimos meses como posibles alcaldables socialistas, o do ex rexedor Xosé Sánchez Bugallo, que ostentou o cargo desde 1998 até 2011. 

Comentarios