Deseñan un método que permite anticipar número de camas necesarias na Uci

O feito de coñecer “de antemán” as necesidades de recursos, indican, permitiría atender a todas as persoas “con covid-19 ou outras doenzas” e así “non improvisar”

Investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde, o Sergas, deseñaron un método que permite determinar “con antelación as camas necesarias pola covid-19 nas Unidades de Coidados Intensivos (Uci) e organizar recursos.

Segundo recolle a universidade de Vigo na súa páxina web, o estudo busca dar “resposta sanitaria” á pandemia, en concreto, á xestión da UCI dos hospitais e que foi “un dos maiores problemas” na primeira onda da pandemia.

O traballo elaborado por Iván Area (Universidade de Vigo e Aneca) e Juan J. Nieto (Universidade de Santiago de Compostela) así como Xurxo Hervada e María Jesús Purriños (Sergas) foi publicado na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título "Determination in Galicia of the required beds at intensive care units".

Para levalo a cabo, estes investigadores tiveron en conta “a porcentaxe dos datos acumulados dos 15 días previos”.

“É algo obvio: o número de persoas que ingresan na UCI depende dos casos dos días previos”, polo que coñecer de xeito “moi aproximada” o número de casos diarios permitirá realizar “estimacións bastante próximas á realidade do número de camas de UCI necesarias”, sinalaron os impulsores do estudo.

O feito de coñecer “de antemán” as necesidades de recursos, indican, permitiría atender a todas as persoas “con covid-19 ou outras doenzas” e así “non improvisar”.

Neste sentido, recordaron que este tipo de camas requiren “aparellos moi específicos” como respiradores, monitores, recursos humanos ademais dun espazo físico “moi superior a unha cama normal”, algo que “ou se prepara de antemán ou se fracasa en cubrir a demanda” ademais do custo.

Cada cama de UCI custa “máis de mil euros diarios” coa consecuente “repercusión económica”.

Os investigadores Iván Area e Juan José Nieto forman parte do grupo de investigadores que adiantou como sería a expansión da pandemia en Galicia ao comezo.

Baseándose nun análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado por Neto, Area, Delfim Torres e Faiçal Ndaïrou (estes últimos da universidade de Vigo e Aveiro), realizou unha simulación que lles permitiu “anticipar o número de camas necesarias”.

Comentarios