El tiempo
viernes. 01.07.2022
El tiempo

Feijóo carga contra "o franquismo" na inauguración da exposición 'Castelao maxistral'

Autoridades e familiares de Bóveda, ante a obra de Castelao. M.G.P.
Autoridades e familiares de Bóveda, ante a obra de Castelao. M.G.P.

O presidente da Xunta di que 'A derradeira leición do mestre' reflicte a un Bóveda vítima de sistemas que "oprimen e asasinan"

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou este venres a obra A derradeira leición do mestre de Castelao, peza central da exposición Castelao maxistral, que rende homenaxe aos mestres represaliados durante a II República, e que evidencia que moitos momentos "os mestres son vítimas da intolerancia".

A mostra inaugurouse na mañá deste venres, despois da chegada do cadro A derradeira leición do mestre esta mesma semana desde Buenos Aires, onde foi pintada por Castelao en 1945 durante o seu exilio e de onde nunca saíra, e estará aberta e con acceso gratuíto ao público até o mes de marzo a peza.

Durante a inauguración, Núñez Feijóo lembrou que a peza "como un exiliado máis" regresa agora a Galicia "aínda que o faga tarde, por circunstancias dramáticas".

TOTALITARISMO. No discurso desta mañá, e a diferenza do realizado durante a desembalaxe da pintura A derradeira leición do mestre, Feijóo sinalou que o cadro, un óleo de dous metros de alto que mostra a un profesor no chan, asasinado, mentres un neno chora agachado e outro, un pouco maior, consólao; reflicte a un Bóveda vítima de sistemas que "oprimen e asasinan".

Deste xeito, o xefe do executivo autonómico cargou contra réximes que como o "fascismo, o franquismo ou o estalinismo" quixeron matar a persoas, que como o caso de Bóveda "nunca compartiu o totalitarismo dos seus verdugos".

Ideoloxías totalitarias que, lembrou, seguen presente na actualidade e que, do mesmo xeito que outrora, escúdanse en "diferentes bandeiras".

Aínda hoxe "vemos con pena, intentos de converter as aulas non nun templo de liberdade, senón nunha prolongación das fracturas", algo que non era o que "anhelaban" os mestres nos que se inspirou a obra de Castelao.

Por iso, segue sendo de especial importancia traballar en defender postulados como a "liberdade, a convivencia e a tolerancia, que son valores que non se protexen sós", apuntou.

OBRA. No percorrido pola exposición, a filla de Bóveda, Amalia Bóveda, e o seu neto, Valentín García Bóveda, acompañaron ás autoridades, de forma que Núñez Feijóo asegurou que "sen eles" a mostra inaugurada este venres, "sería absolutamente distinta".

A exposición Castelao Maxistral marcará segundo Feijóo "un fito nas exposicións que se celebran na Cidade da Cultura", sendo unha oda a tempos pasados que, nos visitantes "máis vellos" fará lembrado os "ecos daquela barbarie" mentres que nos máis novos espertará a pregunta de se todo o reflectido nas obras do artista "sucedeu aquí".

"E si sucedeu aquí", afirmou o presidente galego que lembrou que "asasinatos atroces" como o de Bóveda, que reflicte a peza central da mostra, "producíronse aquí e noutros lugares onde o odio e o rancor" marcaron páxinas da nosa historia.

A de Castelao é unha "obra intemporal e universal", ademais de prolífica que consegue representar a todos os galegos, "algo que só sucede cos grandes xenios" que son "capaces de interpretar o profundo de alma humana" polo que ningún tipo de posicionamento político debe tentar apropiarse diso.

EXPOSICIÓN. Ademais de A derradeira leición do mestre, a exposición conta con moitos outros debuxos nos que o artista representou a profesores e alumnos.

Conta ademais cun expositor no que se mostran uns debuxos dunha alumna de Castelao e que están corrixidos por el mesmo.

A visita a estas imaxes tamén foi especialmente emotiva posto que a propia alumna de Castelao –unha das poucas que aínda vive– ao ver as súas propias obras emocionouse lembrando ao que fose o seu mestre.

O comisario de Castelao Maxistral Anxo Seixas puxo en valor que a Cidade da Cultura pued contar durante varios meses con A derradeira leición do mestre, que é "unha icona" no que "o rostro de Bóveda, están todos os asasinados".

Á inauguración asistiron numerosos representantes da cultura galega e de varias administracións aínda que nesta ocasión os portavoces dos grupos parlamentarios de En Marea e BNG non acudiron despois de censurar as "ausencias" no discurso de Núñez Feijóo durante a desembalaxe do cadro, mentres que o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, si asistiu. 

Feijóo carga contra "o franquismo" na inauguración da exposición...
Comentarios