O Goberno aproba o pago de 330 dos 700 millóns reclamados por Galicia

Ingresará ás comunidades 4.682 millóns e aos concellos 821 
María Jesús Montero. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)
photo_camera A ministra de Facenda María Jesús Montero. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)

O Consello de Ministros aprobou este venres un real decreto lei polo que pagará ás comunidades 4.682 millóns de euros de entregas a conta deste ano –334 a Galicia– e 821 millóns aos concellos, en total 5.503 millóns de euros. 

Así o confirmou a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros na que informou de que o decreto lei, que se validará na Deputación Permanente, "mostra un camiño" para que comunidades e concellos "non volvan ser vítimas" dun bloqueo orzamentario e institucional do Goberno central. 

Os 4.682 millóns que se pagarán ás comunidades súmanse aos 2.136 millóns que xa recibiron en 2019 por distintas previsións orzamentarias como, por exemplo, o aumento de poboación.

Con estas cantidades, segundo Montero, as comunidades recibirán este ano por financiamento autonómico un total de 102.800 millóns de euros, un 7,15 por cento máis que o ano anterior.

Respecto dos concellos, a ministra sinalou que coa actualización dos 821 millóns das entregas a conta, o financiamento local elévase a 18.879 millóns, un 4,6 por cento máis. 

Segundo a ministra, os gobernos autonómicos comezarán a recibir, a partir deste venres, unha carta na que se lles informa da cantidade final que disporán en concepto de entregas a conta xunto á liquidación de 2018 que foi "francamente positiva".

Na rolda de prensa, a ministra considerou "un fito" que as comunidades autónomas e os servizos públicos que prestan non volvan estar supeditadas a un goberno que non estea en plenas capacidades e cuns orzamentos prorrogados. 

"Nunca ata a data se deu o caso de actualizar unhas entregas a conta cuns orzamentos prorrogados e un Goberno en funcións", precisou. 

Montero insistiu en que o decreto "fortalece" o financiamento autonómico e local e asegurou que "esta vía" servirá de "orientación" para a próxima reforma do modelo de financiamento autonómico e a súa lei orgánica para que os orzamentos territoriais non dependan do orzamento xeral de España. 

A ministra asegurou que "non hai cambios de criterios" na actualización das entregas e recordou que o impedimento que, no seu momento, esgrimiu a Avogacía do Estado era que se entendía que "condicionaba" o labor do Goberno entrante. 

Comentarios