O candidato e portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, prometeu este mércores que a conciliación laboral e familiar será un dos eixos do Goberno galego cun plan específico para este fin se as forzas progresistas alcanzan a Xunta.
Segundo apunta nun comunicado, un goberno de esquerdas á fronte da Xunta elaborará "un plan real e concreto con medidas de conciliación e corresponsabilidade que permita, dunha vez e de forma efectiva, compasar a vida familiar co desempeño laboral".
Todo iso, partirá dunha avaliación económica sobre os usos dos tempos, xornadas e repartición do traballo en Galicia, que servirá de base para o deseño de alternativas que permitan "racionalizar os horarios laborais e facelos compatibles con outros tempos e dimensións da vida".
Deste xeito, Gómez-Reino sostivo que "os coidados estarán no centro de todas a acción públicas e lexislativas do futuro Goberno de strong<> progreso da Xunta de Galicia a partir de 13 de xullo" despois de que o PPdeG evidencie a súa desidia neste campo.
O representante de Galicia en Común censura que desde a Xunta non se adoptou "nin unha soa medida en 70 días de confinamento para compaxinar a desescalada cos coidados de nenos, maiores e persoas dependentes".
Con todo, Gómez-Reino instou á Xunta a adoptar medidas canto antes e pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que "actúe con responsabilidade nestas poucas semanas que quedan, e faga o uso que non fixo das súas competencias con medidas inmediatas para conciliar o traballo cos coidados".