Un informe xurídico abre unha vía "sólida" para que o Pazo de Meirás pase a ser un ben público

A Xunta sitúase a favor de que o inmueblre "non pase a mans privadas" e avoga pola súa "recuperación"

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás

A Deputación da Coruña adiantou na tarde deste luns que conta cun informe xurídico que presentará nos próximos días e que abre un camiño "sólido" para que o Pazo de Meirás, propiedade da familia Franco, pase a ser un ben público.

Nun comunicado, a vicepresidenta da institución provincial, Goretti Sanmartín, sostén que se cumpre así cos acordos da Junta pro Devolución del Pazo de Meirás, constituída a instancia da propia deputación e que se reunirá de novo o próximo 1 de marzo para facer público este informe xurídico, ademais doutro histórico, no que os especialistas levan traballando tres meses.

Tamén difundirá un documento que considera útil para conseguir que eventuais compradores do inmoble teñan coñecemento da situación na que se atopa, engade Sanmartín.

"Está a traballarse de maneira sólida e contundente na vía xurídica para que o Pazo pase a ser un ben público e que sexa exitosa. Non estamos a falar de declaracións de intereses ou de vontade, senón dunha vía que se poida materializar e consiga os seus obxectivos", sostén o citado informe xurídico.

PROPOSTAS. A Xunta de Galicia situouse este luns a favor dos traballos e obxectivos da Comisión de Expertos do Pazo de Meirás, que se reúne este luns, e que son que o inmoble "non pase a mans privadas e atopar algunha fórmula para a súa recuperación".

Entre outras propostas, os expertos abordarán a que expón o Concello de Sada (A Coruña), onde se empraza o palacete cualificado como Ben de Interese Cultural, que anunciou este domingo que proporá a presentación nun xulgado dunha acción de nulidade por parte da Xunta en relación ao título de compravenda do inmoble, co que pasou a ser propiedade de Francisco Franco en 1941.

DOCUMENTAL. A Deputación da Coruña quere difundir nun documental a historia e a situación actual do pazo, situado na localidade coruñesa de Sada, e cuxa venda foi anunciada nunha inmobiliaria cántabra de luxo.

"A publicación prodúcese cando o proceso de venda do inmoble é xa unha realidade e a inmobiliaria cántabra á que a familia lle encargou a súa promoción está a utilizar imaxes do NODO que vinculan os distintos espazos coa vida oficial e privada do entón xefe de Estado", engade o ente provincial.

Segundo Sanmartín, o documental ten como obxectivo que se coñeza "a verdadeira historia de usurpación e espolio do Pazo de Meirás por parte da familia Franco".

O vídeo está dispoñible na páxina web da propia Deputación da Coruña para dar a coñecer o proceso que levou a residencia da escritora Emilia Pardo Bazán ás mans da familia Franco, "pasando por todas as transaccións e o espolio do que foron vítimas de maneira especial a veciñanza da contorna".

Investigadores que estudaron a historia recente do Pazo de Meirás, familiares de persoas que perderon bens na zona e a propia Goretti Sanmartín son algunhas das voces que se recollen no vídeo que incorpora tamén documentos e imaxes históricas.

Comentarios