miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

Media ducia de axentes feridos e cinco detidos nunha monumental liorta en Vigo

Edificio no que tivo lugar a liorta. TVG
Edificio no que tivo lugar a liorta. TVG

Tres homes e dúas mulleres foron identificados ►Os policías atendían unha vítima de malos tratos nun edificio da Travesía de Vigo cando foron agredidos

 

Tres homes e dúas mulleres foron detidos nun domicilio da cidade de Vigo por agredir a uns axentes da Policía Nacional mentres atendían unha vítima de malos tratos residente nese mesmo inmoble, no que tamén había tres menores no momento do altercado. Na espectacular liorta resultaron con lesións media ducia de efectivos policiais. 

Nun comunicado, a Policía Nacional explicou que os feitos ocorreron á primeira hora da noite do domingo, momento en que se recibiu unha chamada de alerta no 091 sobre unha muller que "estaba a pedir socorro" nunha vivenda da Travesía de Vigo. Após esta chamada, unha dotación motorizada que patrullaba pola zona acudiu "inmediatamente" ao domicilio, sinalaron as mesmas fontes, e, á súa chegada, escoitaron a unha muller "que pedía auxilio" no interior. Ante este escenario, chamaron á porta e identificáronse como policías. 

Nese instante, o corpo de seguridade indicou que a muller comezou a gritar "desesperadamente" e escoitouse unha voz masculina que "a ordenaba calar", á vez que "a ameazaba". Por este motivo, os axentes comezaron a golpear a porta até abrila e descubriron "estupefactos" a unha muller "tirada diante dunhas escaleiras".  Ao preguntarlle que sucedera, tal e como informou a Dirección Xeral da Policía, esta indicou que a súa parella a golpeara e tirara polas escaleiras. 

No instante no que a vítima de malos tratos estaba no chan, segundo sinalou o corpo de seguridade, o presunto agresor comezou a "mostrarse violento" e "pouco colaborador" cos axentes, á vez que "ameazaba á vítima". Por este motivo, os policías tiveron que interporse para evitar que a agredise

Ademais, a Policía sinalou que outras catro persoas saíron dunha das estancias da vivenda e empezaron a "increpar" os axentes, "todas elas" baixo efectos do alcol, polo que "tiveron que solicitar apoio" doutras dotacións. 

Durante o altercado, unha das mulleres e dous homes abalanzáronse contra os policías e golpeáronos cunhas botellas na cabeza, pero os cascos protectores de moto que levaban postos protexéronos, manifestaron as mesmas fontes policiais. Nese momento, tal e como asegurou a Comisaría de Vigo, iniciouse un "ataque conxunto" do tres homes e as dúas mulleres contra os axentes, que "tiñan que repeler o ataque e protexer á vítima tombada no chan" ao mesmo tempo. 

Poucos segundos máis tarde chegaron ao domicilio outras dúas dotacións de Policía, recibidas tamén con golpes, patadas e botellazos. A pesar de todo, as mesmas fontes aseguraron que "lograron reducir e deter" os agresores.

TRES MENORES NA VIVENDA. Após a detención, comprobouse o interior da vivenda e atopouse a tres menores nunha das habitacións. Ante esto, os axentes procederon a localizar a un familiar para que puidese facerse cargo dos nenos. 

Acto seguido, os axentes trasladaron os detidos a un centro médico e, posteriormente, a comisaría, onde se realizou unha comprobación das bases de datos policiais na que se confirmou que dúas dos detidos xa tiñan antecedentes policiais anteriores. Tamén os policías feridos desprazáronse a un centro médico, segundo indicou o corpo de seguridade, dous deles con traumatismos nas costelas e un terceiro con varios dedos rotos, así como outros tres con traumatismos en xeonllos e cóbados. 
 

Media ducia de axentes feridos e cinco detidos nunha monumental...
Comentarios