Merelles: "Imos desenvolver dous lugares modelo en ordenación dos fluxos turísticos"
O director de Turismo de Galicia incide en que o turismo "nunca pode ser motivo de crispación para a cidadanía" ao ser un motor económico "que non se pode demonizar". Aposta por unha actividade "cada vez máis desconcentrada".
Galicia está inmersa "no mellor momento do turismo", un sector que ten potencial para seguir medrando sobre a base de tres piares: "a descentralización, a desestacionalización e a sostibilidade". É o mantra polo que se guía Xosé Manuel Merelles (A Rúa, 1966), un licenciado en Xornalismo que logo de traballar en varios medios de comunicación aterrou no 1991 na Administración autonómica e deu o salto ao turismo oito anos despois.
O director da Axencia Turismo de Galicia encara o 2025 cun orzamento que medra, o que lle permitirá despregar iniciativas novas coma un plan termal e unha novidosa acción ligada á "regulación dos fluxos" de visitantes, unha clave para que o sector medre sen caer na masificación.
Un orzamento maior para un sector que é motor económico
O vindeiro xoves, Xosé Merelles comparecerá no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do seu departamento. Aínda que será entón cando expoña os detalles, adianta que o seu departamento contará cunha partida "considerable", de algo máis de 146 millóns, o que suporá un incremento interanual de máis do 2%.
Isto dáse nun escenario no que o sector "representa máis do 10% do PIB", de maneira que opera coma un motor para unha economía galega que, se os prognósticos do BBVA Research se cumpren, medrará este ano un 2,9%, en liña co conxunto de España. De cara ao 2025, o instituto de análise sitúa a expansión da economía autonómica incluso por enriba da referencia estatal, cun avance estimado do 2,5%.
Neste marco, Merelles fixa o seu obxectivo en orientar o orzamento a conseguir que "a actividade turística e a riqueza que xera se distribúan máis polo territorio. Traballamos por un turismo cada vez máis desconcentrado, que beneficie a toda a toda a comunidade, que sexa máis desestacionalizado e tamén máis sostible", expón o valdeorrés.
Un novo plan termal e ordenar os fluxos turísticos
A entidade –adscrita á Presidencia da Xunta– ten na súa folla de ruta varias tarefas. Dun lado, está o desenvolvemento dun plan termal, cuxa misión vai ser "reposicionar" esta fórmula turística, que en Galicia é un dos elementos que máis contribúen a "desestacionalizar e desconcentrar" a afluencia de visitantes, pois canaliza a actividade cara aos concellos do rural dado que "hai poucos balnearios situados en cidades".
Outra das medidas de peso que Turismo de Galicia ten sobre a mesa é "desenvolver dous lugares modelo en materia de planificación e ordenación de fluxos turísticos". Malia que eses destinos aínda non foron elixidos, Merelles avanza que a intención é "empezar a abordar este tema" logo de que se observase que "nalgúns lugares existe certa concentración en canto a número de visitantes".
Coa afluencia de viaxeiros medrando a taxas próximas ao 2%, Merelles amósase tallante ao descartar que "en Galicia haxa masificación". "Hai concentracións que son moi puntuais en tres ou catro lugares nos que pode haber problemas de xestión", sinala o director do ente público.
Pon en valor a experiencia adquirida no control de fluxos con exemplos coma o do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, con cupos que en tempada alta se fixaron en 1.800 visitantes ao día no caso das Cíes e de 1.300 no que concirne ás Ons, e tamén amenta o control de acceso á praia das Catedrais, en Ribadeo, e para visitar o Fuciño do Porco, no Vicedo.
"Todo o mundo entende que non podemos estar todos ao mesmo tempo no mesmo sitio. Entón, niso é no que hai que traballar.
En paralelo, o seu departamento prevé seguir co desenvolvemento dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino de Galicia, que están ligados aos fondos Next Generation, "tendo en conta que a mediados do ano 2026 teñen que estar rematados". Entre as medidas activadas ao abeiro desta iniciativa figura, por exemplo, unha liña de axudas para implantar medidas de eficiencia enerxética nos establecementos turísticos, que se poden solicitar ata o 14 de novembro.
O Camiño de Santiago, outro foco de investimento
Coa mirada posta no Xacobeo 2027, Turismo de Galicia está a despregar o Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, que conta con "máis de 60 millóns dedicados á sostibilidade". Nesta dirección, en setembro o Goberno galego anunciou unha achega de 40 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos en 150 kilómetros das nove rutas xacobeas co obxectivo de "facer un camiño máis seguro, sacándoo das estradas".
Logo de pechar outubro con máis de 484.300 compostelas expedidas, Merelles ten claro que o camiño rematará o ano franqueando a cota dos 500.000 peregrinos sen contar os que non reciben a acreditación, que se estiman "nun 25%" dos que percorren algún dos itinerarios.
Obxectivo: captar máis viaxeiros doutros países
O sector vai fiando récords. O último selouse en setembro, cando Galicia superou a cota dos 2,2 millóns de viaxeiros chegados doutros países dende xaneiro. Representan o 37% do total de visitantes. "Nunca se recibiron tantos na historia do turismo de Galicia e temos a previsión de que esa porcentaxe creza máis. Para iso, imos reforzar a promoción no exterior", sinala o director da axencia. A Xunta constata que o Camiño de Santiago "xa forma parte do imaxinario colectivo mundial".
A proba é que, "sen facer case promoción, cada vez veñen máis peregrinos, porque é máis universal que nunca". Aínda así, a idea é darlle máis visibilidade "en mercados que están funcionando moi ben", como o norteamericano, sen descoidar outros "clásicos", como Alemaña, Gran Bretaña e Italia. Australia e Suráfrica, como mercados emerxentes, tamén están no foco.
Todo iso nun momento no que se está a lograr desconcentrar o Camiño Francés co crecemento de alternativas coma a ruta inglesa –que sae da Coruña ou Ferrol– e a portuguesa –que arrinca en Tui–. E a intención é darlle un pulo á promoción da Vía da Prata, o Camiño Mozárabe, o de Inverno, o do Norte ou o Primitivo. O resultado é que no 2023 o 49% dos peregrinos percorreron o Camiño Francés. Dez anos atrás era a elección do 70%.
O que está claro é que este "é o mellor momento do turismo en Galicia", o que se plasma en indicadores como o da rendibilidade dos establecementos hoteleiros, que está "arredor do 7%, bastante por enriba da inflación".
"A taxa turística non é necesaria en base á ocupación hoteleira"
A lei de acompañamento dos Orzamentos galegos para 2025 inclúe a creación dun imposto sobre as estadías turísticas cuxos ingresos deberán ser destinados polos concellos que o apliquen polo menos nun 80% a investimentos e gastos ligados á promoción e protección do turismo sustentable.
Xosé Merelles sostén que "a taxa turística, como algo xeral a nivel autonómico, non é necesaria atendendo ao desenvolvemento que o sector ten na actualidade e a factores como a ocupación hoteleira". Porén, o Goberno galego, que é o competente para crear novas figuras tributarias, resolveu actuar ante a "insistencia" do Concello de Santiago. Polo momento, é o único municipio que ten movido ficha para aplicar este gravame no 2025. Cunha "ocupación media dun 65%" nos hoteis de Compostela, Merelles non o ve como "algo preciso".
"A Xunta creou un imposto que vai estar bonificado ao 100% na cota correspondente á administración autonómica, pero no que a xestión se cede totalmente aos concellos". O valdeorrés lembra que, "para implantar" este recargo, as administracións locais deberán "reunirse coa cidadanía e coas asociacións profesionais para determinar se a taxa é viable".
No tocante á recadación, "o 80% vai ter que reverter en investimentos relacionados coa sustentabilidade turística", isto é, coa "reparación das posibles externalidades" derivadas dos fluxos de visitantes. O resto será para os gastos de xestión.
Desconcentración e desestacionalización
A aposta por un modelo turístico "desconcentrado e desestacionalizado" está dando froitos como o crecemento dos visitantes que no verán rexistraron Ferrol, Lugo ou Ourense. Este dinamismo irrádiase a destinos como a Ribeira Sacra, onde Xosé Merelles indica que se está "a traballar" para determinar "a capacidade de carga que ten" esta zona que aspira a converterse en Patrimonio Mundial no 2026.
"Era un territorio descoñecido no que traballamos e agora é o noso buque insignia do interior que reflicte o que queremos que sexa o turismo. Estámolo conseguindo e imos seguir traballando", sinala.
O rexistro estatal das VUT
En xaneiro, o Goberno central vai poñer en marcha un rexistro no que tocará inscribir os alugueiros de vivendas de uso turístico (VUT) para combater a oferta ilegal. Merelles –que recalca que no 2017 a Xunta "foi unha das primeiras institucións que lexislou" neste campo, creando un decreto que aínda hoxe serve de "referencia" a comunidades como Andalucía ou Cantabria– sinala que en Galicia xa é obrigatorio ter un número de rexistro, que debe facerse constar en plataformas online como Airbnb para que unha VUT poida operar.
Ante unha medida do Goberno central que "pode xerar unha duplicidade", Merelles reclama "unha conferencia sectorial monográfica" para que as autonomías –que "non foron consultadas" malia seren as competentes en materia turística– poidan "abordar este tema" co Estado.
"Xa lle manifestamos o noso malestar ao ministro de Industria e Turismo", indica Merelles, que lamenta que o Executivo de Pedro Sánchez non aproveitase a aprobación da lei de vivenda no 2023 para "regular as VUT e facer unha lexislación armonizada para todo o territorio".
Competencia aeroportuaria
Logo de que a Xunta comprobase que captar aeroliñas 'low cost' con contratos de publicidade en destinos con voos directos a Galicia "non é eficaz", Merelles non ve atinado que Santiago, A Coruña e Vigo sigan nesa vía. "Compiten para captar as mesmas compañías sen ter en conta que hai unha autoestrada que os une".