Nace en Lugo a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia

Pretende actuar como "unha ferramenta para os seus propios socios", co obxectivo final de que o "sector mellore de xeito integral"

Vacas gallegas pastando. IRIS ÁLVAREZ
photo_camera Vacas galegas pastando. IRIS ÁLVAREZ

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia acaba de nacer en Lugo coa firma da acta de constitución, que tivo lugar o 9 de xullo, e unha vez recoñecida como Organización de Produtores de Leite será a primeira OPL dedicada especificamente á produción ecolóxica en toda España.

Os seus promotores explican que será unha "asociación de ámbito autonómico" que pretende actuar como "unha ferramenta para os seus propios socios", co obxectivo final de que o "sector mellore de xeito integral".

Destacan tamén os seus fundadores que se trata dun colectivo "apolítico", integrado por gandeiros "con máis de dez anos de experiencia no sector da produción ecolóxica", e que aposta polo "diálogo e por unha negociación construtiva coa industria e coa Administración".

Persegue que "as condicións de explotación melloren en base a unha maior profesionalización e a unha redución dos custos de produción, maximizando a calidade do leite".

"Esta asociación está aberta á entrada de novos gandeiros, que se poderán ir sumando nos próximos días aos actuais socios, que xa representan unha produción de máis de 10.000 toneladas de leite" ao ano, aclaran.

Na actualidade, o sector do leite supón o 33% da facturación da produción ecolóxica en Galicia, con case 80 millóns de euros no ano 2018.

Así mesmo, representa un peso importante en España, dado que as explotacións de vacún de leite galegas equivalen ao 54% das que hai en todo o país.

Por iso, os promotores desta nova organización destacan a "importancia de que a OPL sexa galega".