Nerea Pallares: "A novela permite falar en imaxes que se poidan ver, sentir, ulir"
Tras Sidecar e Los ritos mudos, recompilatorios de relatos curtos, Nerea Pallares (Lugo, 1989) publica Punto de araña (Editorial Galaxia), unha novela que fala de sororidade ancestral, dunha nova Lisístrata declarada en rebeldía e unha nova Ariadna no seu labirinto na Costa da Morte. Co entramado do encaixe de Camariñas de fondo, Punto de araña fala tamén da importancia da linguaxe, en todas as súas formas e expresións, para poder cartografar a existencia mesma e, sobre todo, para alzar a voz contra o que nos oprime.
De onde nace Punto de araña?
A primeira idea foi conectar, nun certo sentido, esas expresións da fala cotiá que están relacionadas co tecido –fiar fino, perder o fío, bordar o discurso– ao seu propio xesto e movemento. E a pregunta sobre quen son as que tecen e cales son as redes que nos sosteñen fixo que agromara todo o demais.
Noutra entrevista sobre Los ritos mudos, contestáchesme que só te pasarías ao relato longo se a historia así o pedía para ser contada. En Punto de araña tivéchelo claro desde o primeiro momento ou foi xurdindo a medida que se ía despregando o relato?
A verdade é que a historia axiña gañou en complexidade e, en canto fiei a trama principal, souben que precisaba despregala nunha novela. Con todo, gústame moito que a chames "relato longo" porque, dalgún xeito, teño a sensación de que iso é o que en parte hai aquí. Aínda que sexa nunha novela, creo que a miña escritura herda cuestións que aprendín do relato: certa concreción narrativa, o ritmo, a busca da precisión e, sobre todo, as temperaturas que vai destilando a historia segundo o momento que atravesa.
Ademais, en galego. É algo que tamén xurdía de dentro da propia historia?
Tamén. Xa quería escribir en galego, pero é que ademais no caso desta historia era imprescindible. A atención á linguaxe vertebra toda a novela de principio a fin. E tamén, como parte desta atención, cando as que teñen voz son as mulleres da vila, hai nela un traballo moi concreto coa oralidade que implica, entre outras cuestións, recoller trazos da variante dialectal da zona.
Xa quería escribir en galego, pero é que ademais no caso desta historia era imprescindible"
En todo caso, Punto de araña manexa arquetipos ou figuras universais. Ariadna, Lisístrata [O de Lisístrata non estaba planeado, non é unha figura que quixese introducir aí de maneira liberada, ri a autora]. Voces que xorden dun pasado ou duns conflitos practicamente comúns.
Si, creo que é unha novela moi local e moi universal ao mesmo tempo. Precisamente polo que dis. Porque conecta unha realidade moi concreta –a das palilleiras, as redeiras e as mulleres do mar na Costa da Morte– con símbolos –coma as arañas e o arquetipo das fiandeiras– e con problemáticas sociais que son comúns, xa non só en moitos contextos simultáneos no presente, senón en moitos momentos da Historia. Os mitos e os símbolos non son neutros nin casuais: teñen a capacidade de traernos un coñecemento antigo, pero o uso que se fai deles é sempre interesado e serve a lecturas específicas da realidade. Por iso paréceme un exercicio moi interesante cambiarlles o substrato, invertelos.
Imaxino que unha novela ofrece moitas oportunidades para afondar nos personaxes pero tamén retos para soster a trama. Que é o que máis te estimulou como narradora?
Nesta novela a verdade é que moitas cousas. Recoller atmosferas e texturas e falar en imaxes que se poidan ver, sentir, ulir. Afondar nas motivacións de cada personaxe para dicir basta e construírlles unha voz. Facer poético o cotián. Dar volta aos mitos. Ou descubrir o que tamén estaba contando ademais do que xa sabía que quería contar nun inicio. Porque cando escribes, ás veces, partes de intuicións que se van cristalizando no proceso e, cando colles perspectiva, entendes tamén ti que outras motivacións inconscientes tiñas para escribir esa historia e non outra.
E o que máis te desafiou?
Sen dúbida a estrutura. Deille moitas voltas a como encaixar as pezas, como conseguir un equilibrio de voces, cales interviñan e dende que momentos e lugares narrativos dentro do propio tempo da historia.
Tamén ofrece a posibilidade de compoñer unha narración coral, con moitas voces, moitos puntos de vista, que entendo necesarios para reforzar esa idea de sororidade que domina a historia.
Si, ademais das voces das adolescentes e das que andan pola trintena, que son a bisagra entre as dúas xeracións, interesábame que as palilleiras fosen percibidas dalgún xeito coma colectivo, porque si son un grupo de amigas que se sosteñen ás unhas ás outras, unha familia elixida, pero que ao mesmo tempo cada unha tivera a súa propia personalidade. E, de feito, nin sequera as súas escollas vitais son parecidas, pero é dende esa diferenza dende onde se acompañan.
Interesábame que as palilleiras fosen percibidas dalgún xeito coma colectivo, porque si son un grupo de amigas que se sosteñen ás unhas ás outras, unha familia elixida, pero que ao mesmo tempo cada unha tivera a súa propia personalidade"
Ademais, isto serviuche para xogar moito coa forma e co rexistro da linguaxe. Con esas expresións que se empapan de oralidade, co seseo e a gheada; esa xeración Z que bole a través dunha escritura torrencial e sen puntuación...
Iso é, hai capítulos cunha carga moi ritual que son directamente teatrais, cun coro de traxedia e repeticións propias dunha ladaíña, pero iso mesmo se entrelaza con capítulos moi orais, que tratan de recoller todo o que afecta, segundo quen somos e a idade que temos, á maneira na que falamos na rúa. Porque esta tamén é unha novela sobre a linguaxe, sobre como lle tecemos á fala acento e formas propias, co que dicimos e o que evitamos dicir, como xorde a palabra na boca, a que nos vincula cos demais e a que acode para dar voz a unha sensación nova. E, para iso, ás veces, tamén precisamos novas sílabas.
Neste sentido, Punto de araña tamén ten un marcado subtexto metalingüístico acerca da importancia dunha linguaxe que pode ser verbo ou pode ser tecido.
Exacto, o eixe da novela é unha certa relación máxica entre tecido e linguaxe, pero non engado máis, para non facer spoiler.
A idea trasládase mesmo ás ilustracións que presiden cada capítulo, que tamén son imaxes expresivas e enigmáticas. Como quixeches incluílas?
A fase de documentación empezou cos libros de encaixe e, en canto reparei un a un neses patróns, parecéronme imaxes moi potentes que funcionan coma símbolos por si mesmos. Decidín incluír algúns deles, sen cambiar nada dos picados, que son tal cal os que se usan no palillo, cunha distribución que non é casual: están vencellados ao que cada capítulo conta.
Na realidade, e na literatura, o cotián pódese volver estraño, o pequeno pode ser visto como algo épico e a mística convivir co prosaico"
Como noutros relatos teus, en Punto de araña flúen moitas sensacións, moitos xéneros. A apertura, con esa forasteira que chega ao recóndito confín occidental de Europa como atraída por unha chamada misteriosa, é case de Lovecraft, pero tamén está unha Galicia das penurias cotiás que cargan ás costas as mulleres, do Sergas, o TikTok e o licor café en barra de zinc.
E é que a realidade –e a literatura– está feita de todo iso, non cres? O cotián pódese volver estraño, o pequeno e silencioso pode ser visto como algo épico e a mística convivir –ou estar– no prosaico. A mirada que poñemos sobre a realidade é a que decide como contala e para min está todo naturalmente mesturado. Creo que é ao revés e que facemos as divisións a posteriori.
E xa é unha novela premiada, co García Barros. Que supón para ti?
Pois mira, ademais do recoñecemento ao traballo que supón todo premio e que é moi de agradecer, para min é tamén unha axuda económica para seguir facendo da escrita a miña actividade principal. Hai máis de cinco anos que me fixen autónoma para poder dedicar á literatura a maior parte do tempo mentres a combino con outros traballos, pero sabendo que con iso asumo tamén moita incerteza e renuncias vitais. Fálase moi pouco das condicións materiais nas que se produce a escrita e son moi importantes. Se queremos boas obras deberíamos poder poñer nelas os nosos mellores folgos e non só os residuais despois de xornadas extenuantes. Por iso é tan necesario que as institucións presten apoio real á cultura: para que dedicarse a algo así sen asumir a precariedade perenne como parte do trato, non sexa unha posibilidade reservada só para os ricos.