Presentación do novo Grupo Común da Esquerda: "Non somos un proxecto novo, vimos de lonxe"

Os deputados de En Marea lanzan a súa nova marca electoral
Un momento da presentación do Grupo Común da Esquerda. PEPE FERRÍN
photo_camera Un momento da presentación do Grupo Común da Esquerda. PEPE FERRÍN

Os dez deputados que ata o de agora formaban o grupo parlamentario de En Marea –despois do paso doutros catro parlamentarios ao Grupo Mixto– presentaron este martes a súa nova marca, Grupo En Común da Esquerda que, aseguran "é un cambio de nome pero non é un cambio de proxecto".

Nunha rolda de prensa na que participaron nove dos deputados do grupo –coa ausencia dunha das viceportavoces, Carmen Santos– os parlamentarios presentáronse como os "lexítimos herdeiros" de AGE e as mareas locais, marcando así as distancias co partido de Luís Villares que mantén a marca de En Marea.

MARCA ELECTORAL. "Vímonos na obrigación de cambiar ao nome –do grupo parlamentario de En Marea– ante a existencia dun partido que tiña un nome igual que o noso grupo parlamentario", dixo o portavoz, Manuel Lago, en referencia á formación que lidera Luís Villares e da que forman parte os catro deputados do grupo mixto, Paula Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez, co propio Villares á cabeza.

Deste xeito, Lago insistiu en que o grupo conformado por persoas pertencentes a Podemos, Esquerda Unida e Anova pese ao cambio de nomenclatura "non é un proxecto novo, vén de lonxe e vai para lonxe".

Por tanto, sosteñen que o Grupo Común da Esquerda é o "lexítimo herdeiro" da experiencia política que "naceu como acordo en AGE" na pasada lexislatura, "continuou co enorme éxito das mareas ciudadanistas" en maio de 2015 "e conseguiu o seu enorme éxito con En Marea como principal partido da oposición" tras as eleccións autonómicas a pesar de que perdeu ese status por mor da separación do grupo o pasado mes de xuño.

Ademais e a pesar de que negan que esta vaia a ser a marca electoral que se empregue nas próximas eleccións galegas do 2020, os parlamentarios si cren que o traballo que desempeñen na Cámara galega será un aval importante para a configuración dunha nova candidatura de unidade popular.

CAMBIO ORGANIZATIVO. "Vai haber unha candidatura de unidade popular rupturista para derrotar a Feijóo e este grupo vai ser unha peza importante na construción desa alternativa", proclamou Lago, que en todo caso apelou ao papel que para iso xoguen tamén os "partidos, as mareas e as persoas independentes" a través dun "ambiente de unidade, consenso e optimismo" que non marcou a última etapa de En Marea.

Ademais do cambio de nome, En Común tamén presenta un cambio organizativo en tanto que desaparece a figura de portavoz único que marcou os tres primeiros anos de En Marea con Luís Villares á fronte e que causou continuas discrepancias internas.

"Xa que somos un proxecto político plural tomamos onte a decisión de que a representación pública deste grupo tamén ten que ser plural e coral", esgrimiu Lago que pasa a ser o portavoz do grupo no plano máis institucional.

Como a "figura de portavoz único non nos gustaba" agora as tarefas dividiranse entre varios deputados de forma que o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, será o encargado de ser "o azoute de Feijóo" debido a que será a persoa encargada de realizar a función de control ao presidente galego e será o que o interpele nas sesións plenarias.

Mentres tanto, a membro da dirección de Podemos Galicia, Luca Chao, pasará a ser a responsable de comunicación do grupo e será a persoa encargada de dar conta dos acordos da xunta de portavoces e de realizar as roldas de prensa que de forma habitual o grupo realiza cada luns.

Neste sentido, Luca Chao defendeu o proxecto do Grupo Común da Esquerda abre unha "nova etapa" e enfronta "un ano decisivo" no que todos os deputados buscan "servir máis aínda de altofalantes da Galicia que dista moito da imaxe de triunfo que pretende vender o PP".

Con ese obxectivo, segundo Chao, desde o Grupo Común trasladarán á Cámara os problemas derivados da precariedade laboral, do desmantelamento dos servizos públicos, as ameazas do medioambiente e serán o reflexo das demandas dos colectivos feministas, entre outros.

Comentarios