viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

A Xunta retirou 13.000 niños de vespa velutina ao amparo do seu plan de loita

Nido de avispa velutina. DAVID FREIRE
Nido de avispa velutina. DAVID FREIRE
Durante o estado de alarma decretado polo coronavirus mantívose a atención dos avisos recibidos no 012 e os traballos por parte do operativo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balance do Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e destacou que, desde a súa posta en marcha a finais de xaneiro, o operativo de Seaga encargado do mesmo retirou preto de 13.000 niños. 

Prieto participou este mércores nunha visita ás instalacións da empresa pública en Guísamo, onde tamén recordou que están adheridos a este plan 285 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos. 

Por provincias, os operarios de Seaga eliminaron ou neutralizaron máis de 6.500 niños na Coruña, case 4.000 en Pontevedra, máis de1.400 en Lugo e máis de 900 en Ourense. A maioría dos niños foron retirados nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles. 

Nalgúns casos do total de 23.730 avisos recibidos no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, explicou a Xunta, non procede actuación ou están aínda pendentes de actuacións posteriores. Ademais, atendéronse 456 incidencias que, polas súas circunstancias ou situación, correspondían inicialmente a urxencias. 

O Plan conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local

Natalia Prieto explicou que o Goberno galego presta a través deste plan unha atención "centralizada e coordinada cos concellos" para facer fronte ao aumento da presenza da vespa velutina en Galicia nos últimos anos. 

De feito, precisou que a Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da especie na comunidade e decidiu posteriormente redobrar esforzos. 

O Plan conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local. O operativo de Seaga encargado da retirada de niños conta con 80 efectivos, a maioría deles no equipo de intervención distribuído entre os centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; aos que se suma un equipo de coordinación con profesionais de perfil técnico e administrativo. 

A Xunta mantivo durante o estado de alarma decretado polo coronavirus a atención dos avisos recibidos no 012 e os traballos por parte do operativo.

A Xunta retirou 13.000 niños de vespa velutina ao amparo do seu...
Comentarios