''Entre fogones, y con la gaita de fondo, soy el hombre más feliz''

Puxo o primeiro pé na cociña cando estaba a facer a mili, en Madrid, aproveitando os permisos que lle daban no cuartel. Foi daquela cando Benigno Campos Melón descubriu que cociñar tamén podería ser unha distracción, ademais dunha necesidade para poder comer ben día a día. Non obstante, ata que se xubilou nos asteleiros —nos que traballaba como deliñante— non sabía o que era un plató de televisión, onde agora cociña de cara ó público. E está nesas, feito un personaxe famoso por mor de 'Larpeiros', que se pode ver a través da pantalla da Televisión de Galicia.

Pregunta: ¿Pódese dicir que vostede foi freire antes que cociñeiro? Porque durante 39 anos estivo a traballar nunha empresa de construción naval sen poñer o mantelo...

Resposta: Pasei toda a vida nunha oficina técnica traballando como deliñante debuxando barcos. Unha vez xubilado, a produtora audiovisual Faro contratoume para que presentase 'Larpeiros', e aí estou.

P: ¿Cando puxo o mantelo por primeira vez?

R: Hai moitos anos que cociño, neniña. Empecei hai 40 anos, en Madrid, cando estaba no servizo militar. As fines de semana que me quedaban libres iba á casa dunha señora de Chapela e alí cociñaba con ela ata o punto de que chegou a engaiolarme, e desde aquela non parei de cociñar.

Primeiros platos
P: ¿Lémbrase de cal foi un dos primeiros platos que preparou?

R: Si, polo en pepitoria con améndoas e piñóns.

P: E sairíalle ben...

R: Moi ben. Cando unha cousa che sae ben, empézache a gustar. Pícache o vermiño e non paras. Sinto pracer cociñando, sobre todo cando os amigos ou a miña familia me agradecen que cociñe para eles.

P: ¿Atinaba ben co sal?

R: Afortunadamente, si, porque non me gustan as cousas demasiado salgadas. Co sal hai que ter coidado porque o outro día fun cociñar o bacallau á casa duns amigos que o tiñan mal desalgado e xa non tiña remedio.

P: É curioso que fora unha amiga, e non súa nai, quen lle ensinara a cociñar...

R: Miña nai tamén me ensinou a cociñar pero foi con esa señora que estaba en Madrid con quen empecei a cociñar, aínda que despois recurrise varias veces ás receitas de miña nai.

A sabedoría da nai
P:
¿E súa nai critica co que vostede fai na televisión?

R: Normalmente, non, porque estamos bastante de acordo. Ademais, eu cociño máis cousas ca ela e ela aprende de min.

P: Por exemplo, ¿que aprendeu?

R: Por exemplo, as nécoras fritidas na tixola, que nunca se lle pasaron polo maxín, ou a cocer o polbo sen auga.

P: ¿Sen auga?

R: Si, o polbo ten unha porcentaxe moi elevada de auga e, cando coce, vaina soltando, polo que non fai falta botarlle máis: cócese na súa auga e sabe mellor, se controlas ben o lume. Así non se perde nada do seu sabor en auga allea.

Servizo militar
P: Empezou a cociñar cando cumpría o servizo militar. ¿A necesidade obrigaba porque comía mal?

R: Ese non foi o meu caso. Simplemente pasaba que, cando saía de permiso, iba á casa desta señora e eu disfrutaba na cociña, cociñabamos ela e máis eu para a familia. Era só por pracer.

P: Ou sexa, que en vez de atender á noiva adicábase a cociñar...

R: Si, porque miña noiva estaba en Vigo e eu estaba en Madrid, ¡e gozaba cociñando!

P: Despois desta experiencia, ¿pensa que se a 'mili' fose obrigatoria todos os rapaces aprenderían a cociñar?

R: No meu caso foi coincidencia. Só ten que ver con que eu estivese daquela en Madrid e con esa señora, nada máis. Pasaría o mesmo se en vez de estar na 'mili' estivese a traballar nunha empresa.

Saber cociñar antes de casar
P: De tódolos xeitos, ¿non cre que os homes deberían facer un cursiño de cociña antes de casar?

R: Bueno, eu son autodidacta, non fixen ningún cursiño de cociña. Din cursos de cociña para xubilados na empresa onde traballei para que estiveran entretidos e colaborasen coas tarefas domésticas e moitos cociñan na casa. E, se tivese tempo, tampouco me faría mal facer un curso.

P: Si, pero volvendo á pregunta, ¿tódolos homes deberían saber cociñar antes de contraer matrimonio?

R: Home, tanto como que fose obrigatorio... Hai xente á que lle gusta e outros ós que non. Non se debe obrigar a ninguén a cociñar, isto é algo que che ten que gustar, amar, querer e disfrutar. Se non, adícate a outra cousa.

P: ¿Algunha vez lle dixeron que podía ser o Arguiñano da Galega?

Moita xente, pero eu non trato de ser Arguiñano, senón Benigno Campos e facer a cociña que a min me gusta. Pretendo ensinarlle á xente a miña cociña fácil, feita cos produtos da nosa terra, que son os mellores do mundo tanto en mariscos como en peixe ou en carne, e iso está reflectido en 'A cociña de Larpeiros', o meu libro, que está a ser líder de vendas en Galicia.

P: ¿Na casa do ferreiro, coitelo de pau?

R: Se podo, cociño tódolos días. Poño música cando cociño (unha xota, unha muiñeira...). Eu cociñando e co son da gaita de fondo son a persoa máis feliz do mundo. Fundei dúas corais, teño un fillo gaiteiro... así que a música galega, fundamentalmente, é para min tan importante como a cociña. Aínda que tamén me gusta a música clásica.

P: ¿Podémolo imaxinar nalgunha taberna tomando un viño e cantando?

R: Teño un grupo de amigos ós que lles gusta cantar. Son os da Cofradía dos Devotos do Rodaballo, da que tamén formo parte eu, e xuntámonos moitas veces para comer e cantar nas tabernas e na casa.

Comentarios