O litoral galego estará en alerta laranxa este luns
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou a alerta laranxa por tormentas costeiras no litoral galego a partir deste luns.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía ( Aemet), o fenómeno meteorolóxico costeiro adverso iniciarase á medianoite no noroeste e oeste da provincia da Coruña, por mar combinada do noroeste con ondas de entre 5 e 6 metros en mesmo de 7 metros mar dentro, que se estenderá despois a todo o litoral galego.
Por iso, co fin de garantir a seguridade dos bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia, informou desta situación aos municipios da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e grupos de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado do litoral e de diques, espigóns, rompeolas, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, para evitar un posible golpe de mar que pode arrastrar á xente ou obxectos.
Tamén é recomendable extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e comprobar os cables e amarres das embarcacións.
Ademais, desde a Xunta recomendan suspender as actividades de pesca e marisqueo como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.
PREVISIÓN. Galicia continuará baixo os efectos dunha borrasca situada ao noroeste de Irlanda. Polo tanto, o ceo estará parcialmente cuberto con precipitacións xeneralizadas co avance do día, máis persistentes no sudoeste do territorio.
As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. O vento soprará moderado do sudoeste con intervalos fortes entre Fisterra e Estaca de Bares.
