O vento 'leva' a masa de aire cálido

METEOGALICIA
photo_camera METEOGALICIA

Tras unha xornada na que as elevadas temperaturas puxeron en alerta boa parte de Lugo e Ourense, o venres chega coa previsión de ofrecer certo alivio aos termómetros nalgúns puntos da comunidade. E é que predominarán os ventos de compoñente oeste, que retirarán a masa de aire cálido e traerán humidade ao litoral.

Atendendo ás proxeccións de Meteogalicia, a franxa costeira comeza o día con brumas. Iranse abrindo claros ao mediodía, aínda que cara á noite entrarán unhas nubes que mesmo deixarán algunhas choivas, principalmente en puntos da provincia da Coruña. 

As temperaturas experimentarán un moderado descenso, aínda que a sensación seguirá sendo de calor en puntos do interior. De feito, Ourense alcanzará os 36 graos, mentres que en Lugo a baixada dos termómetros será bastante maior, porque se espera que non pase dos 29. 

As mínimas moveranse entre os 14 da capital lucense e os 19 de Ourense.

Temperaturas previstas
A Coruña     18°     23°    
Ferrol           16°     24°    
Lugo            14°     29°
Ourense      19°     36°    
Pontevedra 17°     25°    
Santiago     15°     28°
Vigo             16°     24°