Comparseiros por devota vocación

A comparsa máis célebre de Bueu vai máis alá da música, da retranca e do Entroido e moviliza a súa arte en favor da Asociación Bicos de Papel

Os homes tras os disfraces, a comparsa Vou nun Bou. C. NEIRA
photo_camera Os homes tras os disfraces, a comparsa Vou nun Bou. C. NEIRA

Son as 21.30 horas do venres. No polígono industrial de Castiñeiras, os camións están aparcados, descansando as rodas de tanto viaxar ca mercancía a rastras. No lugar de Sanamedio, vese unha luz acendida. A antiga escola unitaria, hoxe utilizada como local social, ferve en movemento. Arredor dunha mesa alongada, como as que se poñen nas romarías ou nas reunións das familias numerosas, están Jota, Alex, Jose e Marcos, Mikel, Manolo, Víctor, Luis, Pablo, Chapi, Julio, Carlos, os dous Bertos, Anxo, Jorge, Moncho, Toño, Quique e Bari. O exército completo a falta dun, que non puido asistir.

Hai bocatas de lombo con ovo, tortilla e cervexas para animar o corpo. Cantar e sacar a retranca a pasear non se pode facer co bandullo enchido de aire. Os membros da comparsa actual máis célebre de Bueu levan desde outubro acudindo á súa cita semanal para preparar o Entroido e algún que outro evento que se lles ocorre argallar polo camiño. "E que fáisenos moi longa a espera, ao corpo pícanlle as gana".

Desta vez, toca preparar o repertorio que os Vou nun Bou interpretarán xunto a un feixe de amigos este domingo no Centro Social do Mar, nunha gala solidaria que esgotou 300 entradas en apenas uns días e cuxa recadación irá directa á asociación Bicos de Papel, que se adica á admirable labor de axudar aos nenos da unidade de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Un dos recordos que gardan con máis cariño é aquel día no que baixaron á rúa para cantarlle baixo a fiestra da casa ao tío de Jose

Van chegando a contagotas, saudándose entre eles con verdadeira emoción por verse unha semana máis. E así dende hai quince anos. "Facémonos vellos". Todos rín. É unha constante. "Somos como unha familia", di Jose, un dos integrantes. Bari, "o noso director", como o definen o resto, encárgase de contar cal foi o inicio desta amizade entroidera. "Xuntámonos varios ex comparseiros, que decidimos montar unha nova formación. Fomos recollendo a toda a escoria que ía quedando por Bueu". Outra gargallada colectiva, asumindo que si, que en Vou nun Bou está o mellor de cada casa, tal e como reza unha das súas pezas.

CANCIÓNS PARA A HISTORIA. Na mochila das súas composicións levan gardadas a frioleira de cerca de 90 cancións. Compoñen oito por ano, aproximadamente. Para celebrar o quince aniversario do grupo, decidiron lanzar un CD recompilando os seus 'greatest hits'. Non foi fácil facer a selección, pero "houbo dúas cancións que tiñamos claro que irían". Unha é o himno oficioso de Bueu: Son de Bueu, unha canción que fai que que os peliños dos brazos dos que tiveron a fortuna de nacer neste rincón do Morrazo vibren sós de emoción e orgullo. "É a gran aportación musical que fixemos". Outra é Lémbrame, "adicada aos mariñeiros de altura" e que tamén consegue arrincar ao público dos bares un longuísimo aplauso.

Empezar en outubro os ensaios para estar listos no Entroido non é un capricho. "Facer unha canción leva moitísimo choio", reconoce Jose. "Ademais, nós somos moi puntillosos para a métrica e as letras. Por iso imos pulindo e cambiando cousas a medida que ensaiamos. Tennos pasado de cambiar algo apenas quince días antes de estrear", engade Bari.

Jose: "A mín o que máis me gusta son os momentos nos que actuamos para a xente de Adicam. Esa xente rí a hostia, a pesar da enfermidade, e iso é algo incríble"

Outra canción que marcou un antes e un despois na vila buenense foi a de 50 Sombras de Bueu, un guiño ás calenturientas consecuencias que tivo nos fogares o 'boom' internacional desta saga de literatura erótica. "Tivo moitísima repercusión. De feito, Carlos Blanco e Luís Davila incluíronna no seu show 'Menú da Noite'. Foi aí cando Carlos entrou con nós na comparsa, hai xa catro anos", conta Jose.

CARNE DE MOCIÓN. Namentres as turutas comezan a soar na sala da antiga escola unitaria de Sanamedio, cólase na conversa a situación que atravesa o exercicio da sátira nesta época de ofensas constantes e continuas queixas por lesións ao honor. "Nós xa pasamos por iso antes, non é só unha cousa dos últimos anos. As nosas letras incluso foron a Pleno por unha moción que interpuxo un concelleiro", rememoran. "Dende o terceiro ano que estamos ca comparsa tivemos lío. A xente perdeu o humor do Entroido", lamentan.

Como non podía ser doutra maneira, unha das dianas clave das súas composicións son os políticos locais. Contan os comparseiros que debido a certas letras chegou a haber amagos de denuncias e de queixas formais, "pero bueno, xa ves que non nos importa moito", recoñecen tirando de retranca, que eles producen a granel.

Dun tempo a esta parte, o Entroido nas cidades e nas vilas de certa entidade foi deixando atrás as súas diferenciacións particulares para homoxeneizarse baixo o paraugas dos desfiles. "Este ano parece que hai un pequeno intento de recuperar o Entroido tradicional de Bueu por parte da concelleira Silvia Carballo", indica Bari, que está dacordo con Jose cando di que ata o momento "era un camiño no deserto".

"Os desfiles multitudinarios non funcionan porque non os sentimos como algo noso", continúa o comparseiro, que aclara que a intención da comparsa de que se lles apoie máis non ten unha razón egoísta detrás, senón que busca "revitalizar o Entroido en xeral, animando á xente a que participe del".

MOITO MÁIS QUE HUMOR. "A mín o que máis me gusta son os momentos nos que actuamos para a xente de Adicam. Esa xente rí a hostia, a pesar da enfermidade, e iso é algo incríble". As verbas de Jose son o espello no que se reflicte a función social que ten a labor que fai Vou nun Bou, que consegue moldear a tristeza e a dureza da vida ca plastilina do humor.

Algunhas das súas anécdotas levan implícita esa faceta da comparsa. Un dos recordos que gardan con máis cariño é aquel día no que baixaron á rúa para cantarlle baixo a fiestra da casa ao tío de Jose, "que era moi seguidor da comparsa de sempre", pero que estaba moi enfermo e apenas podía xa moverse. "El era dos poucos históricos da comparsa Pililleira que quedaban vivos e a verdade que foi espectacular", di o seu afillado. "Saímos anímicamente moi reforzados", apunta Bari. "A mín emocionoume mogollón".

Xa é noite pechada en Sanamedio pero aínda queda moito por cantar. Antes de despedirse, os Vou nun Bou enchen de sonrisas a sala de ensaio. Eles son una familia e conseguen que os espontáneos nos sintamos parte dela. Aí reside a súa maxia.

Comentarios