Que facemos agora que remata 'OT'?

Miriam Rodríguez Gallego, nacida en Pontedeume e con raíces familiares en Outeiro e Castro de Rei, participa este luns (22.30 horas, La 1 de TVE), na gran final de 'Operación Triunfo', un formato renacido que durante os últimos meses protagonizou un auténtico revulsivo na televisión de non ficción grazas aos millennials

Los 16 concursantes de 'Operación Triunfo 2017'. RTVE
photo_camera Los 16 concursantes de 'Operación Triunfo 2017'. RTVE

FALTOU O DÍA desde que en outubro comezou esta edición de Operación Triunfo 2017, a resurrección dun formato que permanecía no conxelador desde que en 2011 Telecinco decidira interrompelo a media edición, no que o hashtag #OTdirecto non fose "trending topic" en Twitter en España. Por non falar da amplificación internacional que cada gala está acadar nas redes. Aínda que as cifras de audiencia, neste panorama televisivo moito máis fragmentado, están lonxe daquelas da primeira edición de 2001 na que coñecimos a Rosa, Chenoa, Bustamante e Bisbal, o día no que remata a edición de regreso do talent show á Televisión Pública poucos poden discutir o éxito e a repercusión do programa.

Aitana Ocaña, Alfred García, Amaia Romero, Ana Guerra e Miriam Rodríguez Gallego, metade de Pontedeume –onde naceu e se criou-–e metade chairega, como toda a súa familia materna, son este luns os sobrevivintes dun concurso que comezou con 18 participantes na gala 0. Só dezaseis entraron na academia de Operación Triunfo, situada en Tarrassa, e se fixeron coñecidos para o gran público. A chave do éxito pasou polas entregas semanais presentadas por Roberto Leal –outra das descubertas da edición– os luns á noite, na mellor tradición española de horarios "prime time" pouco compatibles con madrugar, e unha intelixente xestión de contidos online. E así, a conexión instantánea coa rapazada que case que nin nacera cando Rosa dixo aquilo de "me he equivocado" no medio e medio dunha canción de Gloria Stefan. Un programa para quen non lembra que Paco Umbral defendeu unha vez a vitoria de Bustamante á voz de: "¡Se juega el andamio!".

Quizais por vez primeira na televisión xeralista en España, os e as espectadoras da xeración millennial atopáronse da outra beira da pantalla con rapazas e rapaces que se parecen máis a eles

Estes rapaces que puidemos seguir na canle 24 Horas en YouTube –que lles permitiu aos seareiros utilizar fragmentos de vídeos ao seu antollo e crear memes e GIF sen couto– pouco teñen que ver con aqueles de OT1. Quizais a única coincidencia resida en que tanto os primeiros como esta quinta carecían de referentes sobre que agardar do seu paso pola academia.

Polo demais, e quizais por vez primeira na televisión xeralista en España, os e as espectadoras da xeración millennial –que hai tempo que deran por esgotado o consumo de televisión de forma convencional–, atopáronse da outra beira da pantalla con rapazas e rapaces que se parecen máis a eles có retrato deformado que se adoita facer noutros espazos. Tanto ten Gran Hermano como Mujeres y hombres y viceversa, como Hermano mayor, El programa de Ana Rosa ou calquera revista dominical.

Desta volta, a Televisión Pública deixounos coñecer persoas que nin chegan aos vinte anos que amosan preocupacións pola inclusión e pola visibilidade LGTBI, sabedoras do drama das xentes refuxiadas que tentan chegar a Europa e xenuínamente preocupadas cando dentro do programa reciben información sobre como previr a sida e non estigmatizar a quen vive co virus do VIH.

Talvez por iso o "fandom" –a comunidade de seareiros, en linguaxe técnica– se ten enfrontado a esta Operación Triunfo exactamente igual que fai cos relatos de ficción que adoita consumir. E así con enconados debates en Twitter ou no chat do 24 Horas, teñen nacido as "carpetas" ou "shipps" –fantasías de relación romántica ou entre dous personaxes dunha narrativa– que teñen acuñado termos como Almaia (Alfred e Amaia), Aiteda (Aitada e Cepeda), Warmi (Ana Guerra e Mimi) ou Ragoney (Raúl e Agoney).

Nesta tempada 2017/2018 ata algunhas voces independentes do panorama –El Kanka, Zahara, Txarango– teñen aproveitado o rebufo para facérense coñecidos

Nestes máis de tres lustros desde o parto do formato Operación Triunfo por parte da produtora Gestmusic, a industria musical ten experimentado unha crise sen precedentes. Mentres que Vale Music se encheu de sacar discos de triunfitos durante os primeiros dousmil –alguén lembra María José, aquel single de Enrique Anaut de OT2?–, desta volta vimos de observar como a cativada que probablemente non teña un reprodutor de CD na casa merca os álbumes das galas para levalos ás masivas sinaturas de discos nos centros comerciais.

Puidemos ver as contas oficiais de Esquerda Unida e Podemos en Twitter a celebrar que Amaia Romero –a gran favorita desde os primeiros compases do programa– cantase en horario de máxima audiencia Te recuerdo, Amanda, de Víctor Jara, e a sesudos analistas a pescudar na cultura de masas e na cultura popular ao abeiro do fenómeno OT.

Cando en 2001 moitos músicos de radiofórmula clamaban contra o talent show e o seu artificio, nesta tempada 2017/2018 ata algunhas voces independentes do panorama –El Kanka, Zahara, Txarango– teñen aproveitado o rebufo para facérense coñecidos polo gran público grazas ás versións dos seus temas que acometen Amaia, Alfred ou Aitana.

Na edición do programa máis galeguizada desde OT3 –na que participaron a tamén chairega (de Guitiriz) Noelia Fonte, Beatriz Porrúa (Pontecesures) e Miriam Villar (Vigo)–, puidemos escoitar á hoxe finalista Miriam Rodríguez Gallego interpretar unha versión á guitarra de Tempestades de sal de Sés, unha das súas artistas favoritas, a carón de P!nk, Vanessa Martín ou Tina Turner.

Miriam está certa de que o éxito está "sobrevalorado". Cada unha ten o seu éxito persoal. O éxito non lle dá nin lle quita a razón ás cousas; o éxito é facelas, dixo

Miriam, que tivo que ollar tres veces ás cualificacións do xurado para acreditar que era unha das cinco finalistas da edición, terá complicado este luns facerse con maior favor do público que Amaia, Aitana, Ana Guerra ou Alfred. O seu "fandom" –as leoas, "eeeellas" ou "las amigas"– procurará que, alomenos, o seu nome sexa un dos tres que chegue á gran final.

Neste seu paso por Operación Triunfo, a nena de seis anos que fixo o Europe"s Living a Celebration diante de todos os seus compañeiros no colexio Atocha de Pontedeume, a que estudou o Bacharelato artístico no instituto de Caranza de Ferrol, a que se formou en baile urbano e de salón e pasou pola Escola Superior de Arte Dramática de Vigo para despois marchar a Madrid a continuar a súa educación musical, está certa de que o éxito está "sobrevalorado". Cada unha ten o seu éxito persoal. O éxito non lle dá nin lle quita a razón ás cousas; o éxito é facelas, díxolle a unha das súas profesoras esta fin de semana.

Polo de agora, ela conta coa total adhesión de Noemí Galera, directora da academia e responsable de cásting de Gestmusic desde hai máis de 15 anos, de Los Javis, os seus profesores de interpretación, e sobre todo de Brays Efe. Quen máis quen menos pensou en Miriam cando Paquita Salas, o alter ego deste actor coruñés autoproclamado presidente do club de fans da cantante galega, lle recomendou este sábado a Almodóvar na gala dos Goya unha actriz emerxente: "Es de Lugo, pero tiene un humor muy manchego".

Comentarios