domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Investigadores galegos reducen un 80% a metástase hepática do cancro de colon

Células. EP
Células. EP

Conseguiron restrinxir os vasos sanguíneos que a abastecen

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade do País Vasco (UPV/EHU) colaboraron nun estudo que logrou reducir nun 80% a metástase hepática producida polo cancro de colon nunha terapia experimental probada en ratos. A investigación, liderada polo grupo de investigación Signaling Lab da Facultade de Medicina e Farmacia da UPV/EHU e o Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, conseguiu rebaixar a posibilidade da metástase hepática, restrinxindo os vasos sanguíneos que a abastecen.

Para iso, valéronse de nanopartículas que frean o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais, e desa forma, reducir o achegue de osíxeno e alimentos a estas células, para que o seu crecemento tamén sexa menor. A metástase é o proceso polo cal un tumor que crece nun órgano despréndese deste e viaxa a outro órgano e colonízao. No proceso de colonización necesita crear novos vasos sanguíneos, a través dos que as células cancerosas obteñen os alimentos e osíxeno necesarios para crecer.

Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese, e lévano a cabo as células endoteliais. "A diferenza das células endoteliais normais, e como consecuencia dos sinais que lles chegan das células tumorais, as células que abastecen aos tumores teñen un crecemento maior e tenden a moverse cara á masa metastásica, para axudala a crecer", comenta Iker Badiola, membro do grupo vasco de investigación.

Co fin de revelar que é o que provoca ese cambio nas células endoteliais, o grupo de investigación Signaling Lab da UPV/EHU e o Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela iniciaron unha investigación con ratos, en colaboración con outra serie de investigadores.

Badiola explicou que o fin último era "frear o proceso metastásico incidindo sobre a anxioxénese, en caso de conseguir restablecer as células endoteliais". Na investigación, provocaron unha metástase hepática a ratos utilizando células de cancro de colon e desa masa extraeron células endoteliais. Posteriormente, realizaron unha comparación entre esas células endoteliais e outras sas.

Os investigadores forneceron nanopartículas deseñadas para ser dirixidas ás células endoteliais hepáticas a ratos con metástase e a análise patolóxica revelou que nos casos tratados formáronse moitos menos vasos sanguíneos novos dentro dos tumores.

Desa maneira, certificaron que "o número e tamaño das masas de metástase reducíronse nun 80%", detallou. "Se algunha vez chega a ser utilizado como tratamento, será un tratamento complementario. Non hai que ignorar que a metástase segue crecendo un 20% e, ademais, en ningún momento se destrúen as células tumorais, non se arremete contra elas directamente", aclarou.

O traballo foi publicado na revista International Journal of Cancer e a UPV/EHU e a USC están en proceso de patentar as nanopartículas sinaladas.

Na investigación tamén colaboraron outros centros, como o instituto Biodonostia, a Universidade de Düsseldorf, a Universidade de Bordeaux e o servizo SGIK.

Investigadores galegos reducen un 80% a metástase hepática do...
Comentarios