Antena 3 aproveita o tirón e estreará 'Fariña' o vindeiro mércores

Pepe Ripoll, director de producción da serie baseada na obra de Carretero, descarta que o secuestro do libro se estenda á serie xa que Bea Gondar "nin aparece nin está nomeado" na adaptación

 

Parte da repartición de 'Fariña'.EP
photo_camera Parte da repartición de 'Fariña'.EP

Atresmedia decidiu adiantar a estrea da serie Fariña, baseada no libro de Nacho Carretero que a xustiza ditou secuestrar tras a demanda do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea Gondar. Segundo avanza VerTele, o próximo mércores 28 de febreiro Antena 3 emitirá o primeiro capítulo da serie. Será unha emisión excepcional, xa que a aínda non se conta coa montaxe definitiva.

A cadea aproveita o tirón que está tendo a obra do escritor coruñés sobre o narcotráfico galego, que tras a decisión xudicial deste martes esgotouse en todas as librarías.

O director de produción da serie Fariña, Pepe Ripoll, considera que este era o momento ideal para estrear a serie. "Mellor que a publicidade que nos están facendo é imposible... Non hai promoción mellor que esta", celebrou. 

"Mellor que a publicidade que nos están facendo é imposible... Non hai promoción mellor que esta"

UNHA MEDIDA "ESAXERADA". A medida da xustiza "non lle parece ben" a Ripoll, que puntualizou que, aínda que "non ten nada que ver" no asunto, veo "esaxerado". E é que o libro, segundo a defensa de Bea Gondar, inclúe "dúas mencións explícitas" ao seu cliente, ao que se refiren como "narcotraficante" a pesar de ser "absolto do delito de narcotráfico polo Supremo" porque as probas foron obtidas de forma ilícita. 

"Se o fixeches e non te condenaron por un erro pois mellor deixalo estar, porque agora estase falando moito máis disto que o que se falou", esgrimiu Ripoll respecto diso. 

Ripoll asegura que Bea Gondar "nin aparece nin está nomeado" na adaptación, polo que descartou que a xuíza estenda o secuestro á serie

Con todo, segundo asegurou o director de produción de Fariña, Bea Gondar "nin aparece nin está nomeado" na adaptación, polo que descartou que a xuíza estenda o secuestro á serie. "Se é así, imaxino que (Atresmedia) terá que acatar a decisión do xuíz e non poderemos facer outra cousa, pero é imposible, sería unha censura. Emítese e logo, se hai algo que te danou, demandas", declarou.

"UN 'NARCOS' MOI LOCAL". En todo caso, Ripoll puntualizou que "só é un traballador da serie" que "non ten que ver coa produtora nin a cadea" e que se atopaba en Santiago para asistir a unha clase impartida este xoves a alumnos do curso da produtora galega CTV sobre xestión de programas de ficción. 

Neste sentido, aínda que admitiu que "non viu" a serie, si vaticinou que será un produto "moi bo". "É un tema moi local de Galicia, pero vai chamar a atención ao resto de España porque é o que está na fala da xente", declarou. 

"É un Narcos moi local, con xente moi local, non son esas figuras que teñen un caserón nin xente que os defende", asegurou á vez que valorou que o 95% dos máis de 120 actores serán galegos. "Porque é unha historia galega e ten que ser real", concluíu. 

Comentarios