Plácido Domingo admite a súa culpa: "Pido perdón pola dor que causei"

O comunicado do tenor chega despois de que unha investigación concluíse que acosou a mulleres e fixo abuso de poder
Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO
photo_camera Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO

O tenor español Plácido Domingo asegurou este martes que acepta "toda a responsabilidade" das súas accións, tras "varios meses" de reflexión, e pediu perdón "pola dor causada" a todas as mulleres que o acusaron de abuso sexual antes da súa dimisión como director xeral da Ópera de Los Ángeles.

"Tomeime un tempo durante os últimos meses para reflexionar sobre as acusacións que varias compañeiras fixeron na miña contra. Respecto que estas mulleres finalmente se sentisen o suficientemente cómodas para falar e quero que saiban que realmente lamento a dor que lles causei. Acepto toda a responsabilidade das miñas accións", dixo o artista nun comunicado remitido a Efe.

Domingo, que nun principio negou as acusacións, indicou que "agora" entende "que algunhas mulleres poden temer expresarse de forma honesta pola preocupación de que as súas carreiras se verían afectadas negativamente".

"Aínda que esa nunca foi a miña intención, ninguén debe sentirse dese xeito"

"Aínda que esa nunca foi a miña intención, ninguén debe sentirse dese xeito", opinou o tenor minutos despois de que varios medios de comunicación estadounidenses publicasen que unha investigación interna realizada polo sindicato de artistas musicais de Estados Unidos. (American Guild of Musical Artists) atoparía a Domingo culpable de máis dunha ducia de casos de abuso sexual.

Efe púxose en contacto co equipo de Domingo para coñecer o vínculo das supostas pescudas coa súa declaración tras varios meses de silencio, aínda que, polo momento, non obtivo resposta. 

En agosto, cando saíron os primeiros testemuños de mulleres que traballaran con Domingo e aseguraban sufrir abuso sexual, o artista dixo que creu "sempre que" todas as súas "interaccións e relacións" con mulleres eran "benvidas e consensuadas".

"Lamento a dor que lles causei"

Con todo, tras dimitir como director xeneral da Ópera de Los Ángeles, na súa nova declaración deste martes Domingo asegura que está "comprometido" a que haxa un "cambio positivo na industria da ópera para que ninguén máis teña esa mesma experiencia". "É o meu fervente desexo que o resultado será un lugar de traballo máis seguro para todos na industria da ópera, e espero que o meu exemplo no futuro anime a outros a seguilo", indicou. 

A investigación do sindicato de artistas foi, xunto coa iniciada na Ópera de Los Ángeles, as dúas primeiras que se iniciaron despois de que unha vintena de mulleres acusasen a Domingo de abuso sexual.

Aínda que se descoñecen os resultados públicos de ambas as investigacións, as informacións derivadas da organización que dirixía levaron a dimisión do músico e as últimas noticias da efectuada polo sindicato de artistas anticiparon as súas primeiras palabras públicas de recoñecemento dos feitos, case medio ano despois da primeira acusación vertida na súa contra. 

Comentarios