O produtor de Leona Lewis fai un tema para Miriam para Eurovisión

Rozalén, David Otero e Alba de Sweet California, entre os autores que compuxeron para os finalistas de Operación Triunfo

photo_camera De esquerda a dereita, Miriam, Aitana, Amaia, Alfred, Agoney e Ana Guerra. RTVE

Un total de nove cancións competirán por ser a candidatura de Televisión Española no Festival de Eurovisión cuxa final se celebrará en Lisboa o vindeiro 12 de maio. Só unhas horas despois da axustada semifinal na que Ana Guerra se impuxo a Agoney por un 50,3% dos votos, TVE e "Operación Triunfo" deron a coñecer as súas propostas eurovisivas, nas que a pontedeumesa de orixes chairegas Miriam Rodríguez Gallego lle cae en sorte o medio tempo "Lejos de ti", composto polo británico Steve Robson, produtor de Leona Lewis e autor para Christina Aguilera, James Arthur ou One Direction.

Steve Robson e Ina Wroldsen, compositora e cantante norueguesa que ten traballado para Shakira ou The Pussycat Dolls e que integra o dúo de electropop Ask Embla con Arnþor Birgisson, achegan á final española de Eurovisión un tema que destaca pola forza vocal, que encaixa prefectamente no que se está a ver no festival nos últimos anos, e que foi arranxado e adaptado ao castelán para as características como cantante de Miriam por Diego Cantero "Funambulista", colaborador habitual de Rozalén, Maldita Nerea, Efecto Pasillo, India Martínez ou Pablo Alborán.

Durante a primeira toma de contacto con "Lejos de ti", nun ensaio na academia de "Operación Triunfo", podíase escoitar ao director musical do programa, Manu Guix, explicar como a canción «va desde los infiernos hasta el cielo», en relación á amplitude de tesitura que lle esixirá a Miriam. «Pero tú puedes con ello sobrada», remarcou Guix.

Como adoita suceder coas preseleccións españolas para Eurovisión, tamén desta volta se acompaña de certa polémica, xa que antes da gala do luns RTVE dera a coñecer que o derradeiro expulsado de "OT" tería opcións de concorrer ó festival como integrante dun dúo e que un dos nove temas candidatos sería unha versión de "Camina" -o himno desta edición, composto por todos os concursantes e Manu Guix- adaptada aos cinco finalistas.

Asemade, achegan a cancións para Eurovisión autores coñecidos na escena española como Rozalén -que lle preparou "Al cantar" a Amaia- ou Alba Reig de Sweet California, autora do "Arde" que defenderá Aitana. Máis descoñecidos ata o de agora son os nomes de Nil Moliner, responsable do "Que nos sigan las luces" que fará seu Alfred, ou Nabález, compositor colombiano que asina a canción urbana latina "El remedio" que interpretará Ana Guerra.

Polo que respecta aos dúos, os fans teñen o seu agardado tema "Almaia" -a mestura dos nomes de Alfred e Amaia, os Brangelina de "OT"- na forma de "Tu canción", obra de Sylvia Santoro e a nova promesa sevillana Raúl Gómez, gañador do talent "El número 1".

"Chico urbano", dos británicos Morgan e Will Simms e arranxada pola hiphopeira Brisa Fenoy será a proposta bailable para Ana Guerra e Aitana.

O terceiro dos dúos en liza será "Magia", na voz de Miriam e Agoney, o último expulsado da actual edición de "OT", que aínda ten opcións grazas a esta canción de cumprir o seu soño de participar en Eurovisión. O tema, de factura power pop, está composto por Funambulista, o produtor Tato Latorre e o exguitarrista de El Canto del Loco David Otero, que comparte con Miriam as súas orixes chairegas, xa que un dos seus avós naceu en San Xiao de Mos de Castro de Rei.

O resultado coñecerase nunha gala que terá lugar o vindeiro luns, 29 de xaneiro, na que o resultado quedará en mans do público.

Comentarios