Sae á luz un tema inédito que Amy Winehouse gravou con 17 anos

A artista, que faleceu con 27 anos en 2011, gravara dez anos antes a canción 'My Own Way', que nunca se publicou

Un tema inédito que a cantante británica Amy Winehouse gravou como parte dunha maqueta cando tiña 17 anos saíu á luz grazas a un produtor que compartiu a gravación a través de internet. A artista, que faleceu con 27 anos en 2011, gravara dez anos antes a canción My Own Way no estudo do produtor Gil Cang en Hornsey Road, no nordés da capital británica, un traballo que nunca se chegou a publicar.

A cantante trataba naquela época de chamar a atención das discográficas para asinar o seu primeiro contrato, que rubricou finalmente en 2003 co selo Island Records, filial de Universal Records. Winehouse lanzou con esa firma os dous álbums de estudo que publicou en vida, Frank (2003) e Back to Black (2006). Tras a súa morte, causada por unha intoxicación alcohólica, Universal publicou un álbum póstumo con rarezas e inéditos da cantante, Lioness: Hidden Treasures, un disco que foi recibido con frialdade pola crítica e o público.

 Ante esa acollida, o conselleiro delegado da discográfica no Reino Unido, David Joseph, anunciou que destruíra todas as gravacións inacabadas que se conservaban de Winehouse para non embazar o legado da artista con novos álbums póstumos. O tema interpretado pola cantante británica que saíu agora á luz, escrito por Cang xunto co músico James McMillan, salvouse desa decisión debido a que se conservaba no estudo privado o produtor. "Estiveramos escribindo bastantes cancións pop e facendo bastantes promocións de artistas que chegaban (ao estudo), moitos deles de dubidoso talento", relatou Cang ao Camden New Journal.

"Era un momento particularmente horrendo no mundo do pop. Había moitas bandas de mozos e de mozas realmente terribles, e tiñamos que escribir algo para eles. Entón veunos a ver Amy, abriu a boca e simplemente deixounos a todos impactados", rememorou o produtor.

Comentarios