Achan morto no río Mandeo ao veciño de Curtis desaparecido o mércores

Este septuaxenario, veciño de Teixeiro, acudiu á zona para pescar pero non volveu a casa

Mergulladores da Guardia Civil (GEAS) recuperaron este xoves no río Mandeo o corpo dun septuaxenario veciño de Curtis desaparecido desde o mércores pola tarde. 

Segundo informou o 112 Galicia, o cadáver foi localizado flotando no río, uns 800 metros máis abaixo de onde desaparecera, concretou o Instituto Armado. O home era buscado desde última hora da tarde do mércores polo lugar de Montouto, preto da ponte do Río Mandeo. 

Supostamente, este septuaxenario, veciño de Teixeiro, no municipio de Curtis, acudiu á zona para pescar, pero non volveu a casa, confirmaron as mesmas fontes de emerxencias. 

Foi sobre as 22.00 horas do mércores cando a súa familia, sen noticias do home, púxose en contacto co 112 Galicia para pedir axuda na busca que xa iniciaran. 

Por iso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 avisou aos axentes de seguridade, así como aos membros do GES de Curtis, que rastrexaron a zona até ben entrada a madrugada. 

Na mañá deste xoves volveron á zona os servizos de emerxencias que, finalmente, localizaron flotando no río, baixo unhas ramas, o corpo sen vida do septuaxenario.

Deste xeito, incorporáronse ao operativo os servizos sanitarios de urxencia para certificar a morte do veciño que, segundo indicou a súa familia, puntualizou o 112, "atopábase, aparentemente, en bo estado de saúde". 

En concreto, ao lugar o 061 enviou ao mediodía deste xoves unha ambulancia e un médico de Atención Primaria após o achado do corpo do home desaparecido, F.A.S.I., de 74 anos de idade.